ANPA de Samos: “Queremos dar a coñecer a educación no rural para poñer en valor os centros educativos pequenos”

SarriaXa
Coñecemos os membros integrantes da Asociación de Nais e Pais de Alumnos do centro educativo CEIP do Concello de Samos
ceip-samos2
25 Dec 2022

Coñecemos ós membros da Asociación de Nais e Pais de Alumnos do CEIP de Samos: Jesús Manuel Vila Sanmiguel, o seu presidente, Sonia Vázquez Rodríguez, a súa vicepresidente e Aida Núñez Díaz, secretaria e tesoureira.

Que opinión xeral observan entre os nais e pais do alumnado do centro?

Cremos que para todas as nais e pais a creación da ANPA nun colexio tan pequeno coma é o de Samos, tivo unha acollida moi positiva. Hai colaboración para calquera proposta que se fai e moi boa aceptación das ideas e actividades que se propoñen para os nenos e para a mellora en xeral do funcionamento do centro.

Que obxectivos ten a ANPA do CEIP de Samos?

Temos uns obxectivos moi definidos, que son ante todo dar a coñecer a educación no rural para poñer en valor os centros educativos pequenos e intentar conseguir tódalas melloras que estean ó noso alcance, tanto en termos de mellora educativa (con propostas de actividades extraescolares, talleres de diversa temática, charlas didácticas, saídas ou visitas guiadas) coma en acondicionamento das instalacións de recreo para os nenos (patios inclusivos, xogos compartidos…).

Que proxectos a curto, medio e longo prazo ten proxectados a ANPA deste centro?

A curto prazo, ou mais ben dito, neste momento, xa se están a realizar actividades para a Igualdade e Prevención de Violencia de Xénero, impartidas por Creados (Centro Educativo e de necesidades Educativas Especiais de Sarria) coa colaboración do colexio, para o que se conseguiu financiamento da Consellería de Igualdade da Xunta de Galicia. Neste mesmo proxecto, entra a reforma do patio e aula de xogos que se está a levar a cabo e tamén programación de conferencias dirixidas ós pais e nais para dar a coñecer as pautas dunha educación baseada na igualdade.

A medio prazo,  dende o Colexio de Enfermería de Lugo, déronnos a oportunidade de que se poidan impartir talleres de Educación Afectivo-sexual na infancia, dirixidos tanto ás familias como ó alumnado e que se van realizar tanto de forma presencial para os alumnos no propio colexio coma en forma de webinars para os pais e nais.

Pero a nosa prioridade está en tentar conciliar a vida familiar e o traballo coa educación dos nosos fillos e fillas, por iso o noso obxectivo principal para conseguir a longo prazo sería o servizo de mañanceiros.

Que actividades véñense realizando de forma sistemática?

Nestes momentos estanse a ofertar as actividades extraescolares de inglés, multideporte e cursos de natación na piscina Municipal de Sarria. Dependendo da demanda e das peticións que se vaian orixinando, poderanse ofertar máis actividades de interese.

Existe boa relación e comunicación entre o colexio e a ANPA?

A comunicación que existe co equipo docente é inmellorable, abertos a calquera colaboración e flexibilizando o horario lectivo para dar cabida ás actividades propostas pola ANPA. Facilitando os medios dos que dispón o colexio para dar a coñecer e difundir as ideas que se propoñen dende a ANPA.

E dentro da ANPA, existe en xeral unha boa colaboración da maioría de nais e pais de alumnos?

A ANPA do CEIP de Samos é moi pequena, iso favorece que a relación sexa moi próxima, case como a de compañeiros de traballo, o que fai que todo o mundo se involucre e colabore co que faga falta, tanto para dar o visto bo ós acordos que se toman, como para botar unha man no que sexa preciso.

Cales cren que son as principais dificultades ou carencias do colexio e como cren que poderían solucionarse?

Como xa comentamos, o principal obxectivo que nos marcamos, sería conseguir o servizo de mañanceiros que permita unha conciliación coa vida laboral dos pais e nais, ese sería a principal carencia que contamos se resolva nun futuro o máis inmediato posible. Para elo, intentaremos solicitar axudas económicas para a conciliación en canto sexan publicadas para optar a este servizo.

Cren que as nais/pais na actualidade están o suficientemente formados como educadores?

Pois neste suposto o ideal sería que alguén avaliase a nosa traxectoria como pais e nais que educamos ós nosos fillos. Non sei se estaremos o suficientemente cualificados, pero dende logo apostamos e adicamos todo o tempo que podemos a esta tarefa. E a mellora da educación dos nosos fillos e fillas é o motivo principal polo que a ANPA foi creada.

Definan o centro en 5 palabras

O CEIP de Samos é un colexio que se podería definir coma unha pequena familia, cunha educación case exclusiva e personalizada a cada alumno, na que os docentes teñen unha dedicación total, e no que os nenos e nenas forxan unha amizade moi estreita que seguramente perdure co paso dos anos.

Agradecemos enormemente a colaboración do equipo docente e a dedicación cos nosos nenos e nenas.

ANPA-samos
ceip-samos
0.18161392211914