Antonio Feijoo, do Incio CF: "Queremos estar preto da sociedade e facelos partícipes do club"
Antonio Feijoo, presidente do Incio C.F. que milita na segunda autonómica de fútbol, comenta os pros e os contras dun equipo humilde e con poucos recursos que disfruta do deporte.
En que ano naceu o Incio CF e por que surxiu a idea?
O Incio C.F. naceu no ano 2015, recollendo o testigo do antigo C.D. O Incio que deixara de competir 10 anos atrás. A idea surxiu logo de detectar que había interese por parte de numerosos rapaces do municipio e arredores por retomar a práctica deportiva no seu pobo, e un grupo destes rapaces baixo a miña presidencia, decidimos formar unha xunta directiva e sacar adiante este proxecto.
Que destacaría do clube?
É un clube humilde, pero que trata de ser o máis familiar posible e acolledor para todo aquel que quere formar parte del, ben sexa dende a directiva, xogadores, colaboradores, socios, etc. Tratamos sempre de competir polos máximos obxectivos pero sen descoidar que a esencia do fútbol afecionado na categoría na que nos atopamos ten que ser a de pasalo ben e desfrutar deste deporte.
Que aspectos considera que hai que mellorar?
Sempre se pode mellorar e gustaríanos dar un paso adiante en canto a instalacións, aínda que somos conscientes de que son bastante adecuadas á categoría e ao perfil de municipio no que nos atopamos. Neste senso deuse un paso importante co arranxo da cantina do campo e próximamente coa adecuación dunha zona anexa para poder adestrar.
Que obxectivos ten a nivel club e a nivel equipo?
A nivel club o principal obxectivo é ofrecer a xente nova do pobo e dos concellos limítrofres a posibilidade de dispor dun equipo no que xogar ao fútbol a nivel federado, que represente con orgullo ao noso concello e que loite en cada partido. A nivel equipo o obxectivo é ser o máis competitivos posibles nesta segunda autonómica, pelexando para desfrutar no campo e gañar cada partido. A evolución da tempada, do traballo diario, dos resultados que se vaian acadando e do nivel da categoría, marcarán o lugar que nos corresponda e os obxectivos máis concretos.
Como ve a tempada que vén despois deste ano? Xa se está a traballar no proxecto?
Dende marzo de 2020 non se compite por mor da pandemia. A previsión da Federación é retomar a competición en outubro se a situación sanitaria o permite. Hai moitas gañas, pero deberá facerse con todas as garantías. O clube está preparado para a volta a competición, contamos coa continuidade da maioría de xogadores do último ano e con algún novo. Ademais, o adestrador será Míchel, un referente no fútbol comarcal e que logo duns anos de inactividade volve aos terreos de xogo. Sen dúbida, dispor dun adestrador deste nivel, con traxectoria en equipos de superior categoría, será un plus para os rapaces.
Este ano, varios dos xogadores foron ata o colexio do Incio para facer uns adestramentos cos nenos e nenas, como se valora dende o club ou os propios xogadores esa experiencia?
Consideramos que temos que ser máis que un simple equipo de fútbol. Queremos estar preto da sociedade e facelos partícipes do club. E como non, os máis cativos son parte imprescindible neste proxecto. Queremos que veñan a vernos ao campo e ir traballando para que algún día poidan xogar no equipo do seu pobo. Existe moi boa acollida e interese pola súa parte, e tamén por parte dos xogadores do equipo, polo que intentaremos repetir este tipo de iniciativas.
Existe un proxecto a longo prazo do clube?
Neste tipo de proxectos tan humildes e en concellos tan pequenos coma o noso e con pouca xente nova é difícil planificar a longo prazo, pero temos sentadas as bases para que o proxecto se manteña no tempo, con xogadores suficientes para competir e o respaldo económico de diversas empresas colaboradoras e socios, sendo xusto destacar a empresa local Magnesitas de Rubián S.A. como principal patrocinador. Tamén o Concello respalda o proxecto e existe a colaboración periódica do resto de Administracións.
Plantéxase crear categorías inferiores do clube?
Na actualidade é unha cuestión inviable pero si que queremos continuar na liña de achegarnos aos máis cativos con actividades extraescolares, facendoos partícipes do equipo no día a día, nalgún adestramento… Existe demanda deste tipo de actividades por parte dos nenos do colexio e gustaríanos atopar a fórmula para facer algo bonito con eles, pero será moi complexo poder facelo a nivel federado.
Para nós, e coido que para o resto de equipos das características do noso en pequenos municipios rurais, costa moito atopar xente para un equipo de adultos, como para facelo con cativos e por tramos de idades. Nós tempos a sorte de contar con bastantes xogadores do concello e tamén dos arredores que renovan cada ano e iso danos unha estabilidade.
Como valorades o apoio do pobo do Incio?
Estamos moi contentos coa cantidade de xente que nos vén a ver, tanto nos partidos como locais como os habituais que se suelen desprazar. Para nós é un orgullo representar ao pobo do Incio pola provincia e sentir o seu apoio.