Jonathan López Fernández, presidente de Sarria Futbolín: “Serán tres días de competición con máis de 6.000 euros en premios”
Falamos con Jonathan López Fernández, presidente da asociación Sarria Futbolín creada no ano 2016.
- Cando comezou vostede a xogar ao futbolín e por que? Pode desvelarnos algún dos seus trucos ou tácticas para xogar?
Pois comecei como a maioría de xogadores, xogando as primeiras partidas cando ía ao instituto por culpa dun amigo que xa xogaba. Aí comezou todo, a partir dese momento no ano 2010. Xogabamos mais continuamente ata empezar a competir nos campionatos de bares locais.
- Vimos de coñecer que se vai celebrar en Sarria a finais de outubro o X Máster Sarria Futbolín 2022. En qué consiste esta competición e que disciplinas teñen cabida nela?
Este campionato recuperámolo despois de que se parara de organizar no ano ano 2016 ata chegar a esta X edición. Son 3 días de competición: o venres 28 en modalidade combinada, o sábado 29 en movemento (é no que esperamos o máximo número de equipos participantes) e pechamos o domingo 30 coa modalidade parado e feminino.
- Cales son os xogadores que estarán presentes? Pode inscribirse todo aquel que queira? Onde han de facelo?
Pois estarán os mellores xogadores do panorama nacional, temos previsión de que se darán cita en Sarria xogadores de Pontevedra, A Coruña, Santiago de Compostela, Cantabria, Castela León, Castela a Mancha, Barcelona, Sevilla e como non de Lugo.
Pode anotarse calquera perfil de xogador tanto profesional coma amateur xa que o campionato contará con 3 niveles de xogo en cada modalidade para que cada un poida xogar e competir segundo o seu nivel.
Para inscribirse ou consultar información pódese chamar ao número de teléfono 637 176 984 ou facelo mediante a páxina de facebook: @lnfsarriafutbolin.
- Como irá o tema das clasificacións?
As clasificacións como xa comentaba sairán obtidas de cada un dos campionatos e de cada nivel de xogo (Elite, Primeira Categoría e Segunda Categoría).
- Cando foi a última vez que se celebrou este campionato e cales foron os resultados obtidos? Quen resultou gañador?
Por mor da pandemia estes años pasados non foi posible a disputa do campionato, a última edición foi no ano 2019 ganando a parella de Pontevedra formada por Tomás e Brian na modalidade de movemento, Carlos e Dani dende Valladolid na modalidade de parado e Sonia e Luna na modalidade feminina.
- Pensa que Sarria se atopa nun bo lugar en canto ao impulso do futbolín se refire? Aquí ten boa cabida ese deporte entre a xente?
Creo que en canto á localización non é a mellor de España claro está pero non nos podemos queixar porque a verdade é que os xogadores agardan o campionato con ganas de desprazarse e de desfrutar dunha fin de semana cargada de competición.
En canto á afección aquí na comarca, contamos cunha gran canteira que ven pisando forte e que esperemos que manteñan a Sarria ben situada no panorama nacional.
- Diría que fan falla máis axudas quizais para a súa promoción?
Está en proceso a formación da federación de futbolín e penso que iso axudará e moito a nivel de darlle visibilidade na sociedade.
A nivel particular, contamos coa colaboración do concello de Sarria e de multitude de locais do pobo que nos apoian, sen eles sería imposible a organización do evento e por iso só podo darlle as grazas a cada un dos que fai posible todo isto!
- Que opina vostede de que a Federación Española de Futbolín (FEFM) vaia trala consideración do futbolín como deporte?
Por desgraza o futbolín non é considerado deporte e creo persoalmente que reúne todo para poder selo. Para competir a alto nivel é necesario estar preparado tanto físicamente como mentalmente xa que son moitas partidas e moitos momentos de alta tensión, pero paso a paso esperemos que acabemos poñéndoo no sitio que se merece.
- Quere engadir ou destacar algunha cousa?
Simplemente agradecer a cada persoa que fai posible a celebración do evento tanto directamente como indirectamente: xogadores, patrocinadores, persoas que axudan sen recibir nada a cambio… Moitas grazas!