Antonio Rigueiro Rodríguez: "Teño unha casa no pobo de Vilameá, para min é un lugar especial"

SarriaXa
Entrevista a Antonio Rigueiro Rodríguez actual presidente de la Asociación Forestal de Galicia y docende de la USC.
Antonio-Premio-Luis-Porteiro-garea
12 Dec 2021

Falamos con Antonio Rigueiro Rodríguez presidente da Asociación Forestal de Galicia e docente da USC.

Recentemente fuches nomeado presidente da Asociación Forestal de Galicia, como te sentes e que significa este novo proxecto profesional na túa vida?
Eu xa era vicepresidente de relacións institucionais da Asociación Forestal de Galicia (AFG) desde hai varios anos, polo que xa tiña responsabilidades de goberno na asociación. Acceder ao cargo de presidente da AFG supón unha maior responsabilidade, que asumo con vontade e ganas de ser útil ao sector forestal galego, e especialmente aos propietarios forestais. No eido persoal suporá algo máis de traballo, pero o asumo porque se se pode facer algo polos nosos montes hai que ser xenerosos e estar aí…

Se tiveras que quedar cun posto sería o de presidente da Asociación ou docente e investigador?
Eu levo case 50 anos traballando como investigador no eido forestal, e máis de 30 como docente universitario, tarefas vocacionais que, polo tanto, me acompañaron durante case toda a miña vida e que agardo compatibilizar co cargo de presidente da AFG. Coido que a miña experiencia como investigador no eido forestal pode ser de utilidade para a AFG.

Que é o que máis che gusta de ser docente?
Transmitir coñecementos, formar aos estudantes, o contacto con eles, ver a súa evolución…desenvolver empatía e crear un clima de confianza…e tamén sentirme recoñecido e apreciado polos meus discípulos. Gústame que me chamen mestre incluso cando xa son exalumnas ou exalumnos. Debemos ser conscientes da transcendencia da educación, en tódolos seus niveis, pois estamos formando a sociedade futura, porque en gran parte somos o que nos ensinaron.

Segues a pasar tempo no Incio de onde es orixinario?
Si, teño unha casa no pobo de Vilameá, no Val do Mao, e vou con frecuencia. Alí me perdo polas corredoiras que percorría de neno, falo cos poucos veciños e veciñas que quedan, e desconecto das tensións do día a día…para min é un lugar especial.

Que é o que máis botas de menos das túas terras?
Boto de menos os familiares que xa non están…meus avós, meus pais, meus tíos, e tamén os veciños que faleceron. Eu crieime en Vilameá e fun un neno labrego, alí aprendín a amar a miña terra galega, e alí descansarei para sempre.

Cal é o mellor recordo que tes alí?
Sinto nostalxia dos tempos pasados, cando era neno e había xente en tódalas casas e estaban traballadas todas as terras…aínda que había que traballar duro…gadañar a herba, a seitura, as mallas, arar coas vacas, carrexar cos carros…as casas estaban abertas para tódolos veciños e eramos unha gran familia. Lembro con cariño as matanzas, as festas do San Eufrasio e da virxe, as feiras dos días 22, algún amor de adolescencia…

A túa paixón polos montes naceu na comarca de Sarria?
Quizás si, pois nacín e crieime entre carballos e castiñeiros. Pero teño que recoñecer que son enxeñeiro de montes por casualidade. Como era en principio o destinado a suceder a meus tíos ao fronte da casa de carballo de Vilameá pensaba estudar enxeñeiro agrónomo, e cando ía no tren a Madrid para matricularme coincidín cun amigo da Terra Chá, José María Rábade, que estaba estudando enxeñaría de montes. Cando lle dixen que eu ía matricularme en agrónomos díxome: ven ver a escola de montes que é moi bonita, un pazo antigo no medio do bosque…e fun, e gustoume tanto que alí me matriculei, e non me arrepinto, pois foime ben gracias a deus e coido que atopei a miña vocación…ás veces o destino vaite guiando sen que te deas conta.

Como compaxinas as túas labores na Asociación coas de docente?
Este curso 2021-22 estou de ano sabático e polo tanto non teño obrigas docentes, e para o ano que vén xubílome na universidade. En calquera caso, como comentei, xa era Vcepresidente de relacións institucionais da AFG, e víñao compaxinado sen dificultade.

De que se encarga a Asociación Forestal de Galicia?
A AFG ten cerca de 1500 asociados, entre propietarios particulares de montes e propietarios colectivos, sobre todo montes veciñais en man común. En total a asociación ten influencia sobre uns 25.000 propietarios forestais. Entre as misións da AFG están formar aos socios a través de actividades de transferencia de tecnoloxía, prestarlles apoio técnico, informalos e asesoralos en relación por exemplo coas convocatorias de axudas…e tamén participa en proxectos de investigación e contratos con empresas, e colabora coa cadea da madeira e coa administración. Doutra parte forma parte de organizacións supraautonómicas, como a Confederación de Selvicultores de España (COSE) ou a Unión de Selvicultores do Sur de Europa (USSE).

Cal é o obxectivo de cara ao 2022 e próximas metas da Asociación?
A nova xunta de goberno da AFG é continuísta, tanto na súa composición, pois continuamos varios membros da etapa anterior, como no programa, pois a AFG ten un equipo humano excelente e vén funcionando e cumprindo os seus obxectivos de forma moi satisfactoria. No futuro próximo intentaremos captar novos socios, continuar co apoio técnico aos mesmos, solicitaranse novos proxectos de investigación, estaremos atentos ao desenvolvemento da revisión do plan forestal de Galicia e da lei de recuperación da terra agraria de Galicia, colaboraremos tamén coa administración forestal na revisión das leis de incendios e de montes veciñais en man común e en accións tendentes á diversificación da produción de madeira e á mellora das producións non madeireiras en Galicia…entre outras moitas tarefas. Queremos seguir sendo un referente no sector forestal galego.

Que é o máis difícil de lograr na Asociación?
Como xa comentei a AFG ten un excelente equipo humano que desenvolve con eficacia e responsabilidade as encomendas que temos, aínda que é certo que nalgúns momentos, como estes de finais de ano, con algúns agobios. Tratamos de resolver de forma eficaz os compromisos que temos, aínda que somos conscientes das nosas limitacións e non nos embarcamos en asuntos que non somos capaces de abordar. Ás veces non nos resulta doado acadar que as administracións forestal e ambiental coñezan e tomen en consideración as necesidades e problemas dos propietarios forestais.

Cal consideras que é o teu maior logro de carácter profesional? E persoal?
A miña meta profesional foi sempre ser catedrático de universidade, e conseguino xa no afastado ano 1993, o que agradezo ao ceo. Con iso quedou satisfeita a miña vaidade, non necesito nada máis profesionalmente, aínda que tiven tamén cargos académicos (Director da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Agrónomos, Director da Escola Politécnica Superior, Director do Departamento de Produción Vexetal) e na Xunta (Subdirector Xeral de Universidades e Investigación na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Tamén puiden ser Vicerreitor en máis dunha ocasión pero rexeitei o ofrecemento para non desligarme da actividade docente e investigadora, que é o que me gusta.
No eido persoal o logro máis importante son os meus fillos, Antonio e Olga, dous excelentes rapaces aos que sempre levo no corazón.

Cal é o maior problema dos propietarios dos montes galegos?
A estrutura en minifundio da propiedade particular, a regresión demográfica e o envellecemento da poboación no rural, as limitacións nos espazos protexidos sen compensacións, o prezo baixo da madeira, a carencia de formación técnica en moitos casos…

O Covid afectou dalgunha forma aos propietarios dos montes?
Eu coido que o Covid afectou a toda a sociedade en maior ou menor medida, e polo tanto tamén aos propietarios forestais, pero, afortunadamente, puideron seguir realizando traballos culturais e selvícolas e vendendo madeira incluso durante os confinamentos. É dicir que os traballos forestais non se paralizaron como sucedeu noutros sectores.

Cal é o maior problema dos montes galegos?
O minifundio da propiedade particular, a falla de dinamización de moitos montes de propiedade colectiva, problemas de deslindes, incendios, pragas e doenzas, o abandono, a escasa diversificación da produción madeireira, a baixa calidade da madeira que producimos e, en consecuencia, os baixos prezos, a escasa atención ás producións non madeireiras…

Cal é a praga que afectou máis aos montes galegos nos últimos tempos?
Hai moitos problemas sanitarios no monte galego, acentuados en parte polo cambio climático e a globalización. Nos últimos tempos destacaría a avespiña do castiñeiro, o gorgullo do eucalipto e o nematodo e as bandas dos piñeiros.

Ademais de docente e presidente da asociación es membro numerario da Real Academia Galega de Ciencias, Coordinador dun grupo de investigación sobre sistemas silvopastorais, tamén dirixiches a Estación Científica do Courel. Cal é o segredo para estar en tantos proxectos? Hai algún deles que te apaixone ou lle teñas un agarimo especial?
A verdade é que me considero bastante traballador e dedícolle bastante tempo ao traballo. Sempre estiven metido en varios frontes.
Pertencer á Real Academia Galega de Ciencias é sen dúbida un recoñecemento e unha honra. Unha das miñas actividades máis relevantes é a coordinación do Ciclo de conferencias Luis Asorey, que a academia vén organizando tódolos anos en Lugo, no marco dun convenio coa Deputación de Lugo.
O grupo de investigación (Sistemas silvopastorais) coordínoo da man da catedrática María Rosa Mosquera Losada, que será a miña sucesora, e ela se vai encargando pouco a pouco desta responsabilidade. É para nós un orgullo que sexa grupo de referencia competitiva da Xunta de Galicia e un grupo de referencia mundial.
A actividade que se veu realizando na Estación Científica do Courel é recoñecida sobre todo polos veciños desa fermosa bisbarra, e deixamos pegadas exitosas como os libros sobre as orquídeas, os cogomelos ou as árbores senlleiras do Courel.
Sentinme e síntome moi a gusto en todas esas responsabilidades.

Tes algún soño por cumprir?
Gustaríame chegar a ter e coñecer algún neto ou neta…

No teu tempo libre tiras máis ao monte ou prefires desconectar de todo o que ten que ver co teu traballo?
Gústame camiñar, gozar dunha paisaxe fermosa de montaña ou de mar, ir á miña aldea de Vilameá, viaxar, a lectura, o cine, a música…pero como me gusta o traballo que fago tamén desfruto traballando.

Como se che presenta o ano 2022 profesionalmente falando?
O 31 de agosto xubilareime. Presentei a miña solicitude para participar na convocatoria de profesores eméritos, coa idea, no caso de que se me conceda, de seguir colaborando coa universidade nun proceso de “desenganche” progresivo e programado. En calquera caso coido que non me aburrirei, pois teño traballo abondo.

Antonio-Rigueiro1
antonio-rigueiro-rodriguez-grupo-investigacion-sistemas2

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15165400505066