Escolares de Triacastela recibiron unha charla sobre natureza e pesca sostible

SarriaXa
Continúa a aposta por achegar o mundo da pesca fluvial aos nenos e nenas galegos a través da iniciativa escolas de río.
colexio escola nenos covid
15 Sep 2021

Continúa a aposta por achegar o mundo da pesca fluvial aos nenos e nenas galegos a través da iniciativa escolas de río, unha das principais novidades introducidas pola Lei de pesca continental de Galicia para interesar ás novas xeracións por esta actividade e garantir así a remuda xeracional.

Precisamente con este fin a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, acompañada pola alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, visitou onte o CEIP Eduardo Cela Vila para participar nunha actividade didáctica promovida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda co fin de divulgar entre o seu alumnado os valores medioambientais asociados á práctica da pesca deportiva.

O catro veces campión do mundo de pesca de salmónidos mosca, o coruñés David Arcay —que este verán se alzou coa medalla de bronce en categoría individual e por equipos no mundial de Finlandia— foi o encargado de dirixir toda a actividade, que comezou cunha charla sobre natureza e pesca sostible dirixida ao alumnado de Primaria.

A directora xeral, pola súa parte, destacou que os pescadores son unha peza clave e imprescindible no coidado e conservación dos ríos e dos espazos naturais que os rodean. Na mesma liña, subliñou que a mocidade ten por diante unha gran responsabilidade no que respecta á súa conservación, polo que garantir a súa formación e un coñecemento profundo dos espazos fluviais resulta clave para que poidan cumprir con este cometido.

Os actos organizados no CEIP de Triacastela remataron cunha exhibición de lance a mosca a cargo do propio David Arcay, unha clase maxistral que se levou a cabo no pabillón do propio colexio e contou coa participación de todo o alumnado.

Grazas á posta en marcha das escolas de río, os nenos e nenas galegos teñen ocasión de coñecer os ecosistemas acuáticos, a fauna e flora fluviais, así como aprender a protexer e identificar os ríos como sinal de identidade de Galicia que hai que preservar.

Nese sentido, do Campo agradeceu poder contar nesta iniciativa coa implicación dunha figura coa traxectoria de David Arcay, todo un referente no mundo da pesca deportiva a nivel galego e internacional e un firme defensor do modelo de pesca sostible.

Ademais das escolas de río, cómpre lembrar que para achegar aos nenos e mozos galegos ao mundo da pesca, tamén se están a impulsar outras medidas, entre elas, que os rapaces de ata 14 anos poidan practicar a pesca sen necesidade de sacar licenza ou a exención do pago das taxas correspondentes para todos os menores de idade.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15642285346985