O goberno local de Sarria denuncia que Escontrela non presentou a documentación requerida sobre o caso das residencias

SarriaXa
O goberno local de Sarria solicitará informes xurídicos sobre as presuntas irregularidades cometidas polo concelleiro Benjamín Escontrela ao contratar un detective para investigar a varias traballadoras da residencia de anciáns Nosa Señora do Carme, feito polo que foi destituído do seu cargo e que foi
2 Xan 2023

O goberno local de Sarria solicitará informes xurídicos sobre as presuntas irregularidades cometidas polo concelleiro Benjamín Escontrela ao contratar un detective para investigar a varias traballadoras da residencia de anciáns Nosa Señora do Carme, feito polo que foi destituído do seu cargo e que foi denunciado pola CIG.

O novo responsable da residencia, Félix Seijas, salienta que transcorrido o prazo de cinco días concedido desde a alcaldía para que presentase por rexistro a documentación acreditativa da prestación de dito servizo, "nin Benjamín Escontrela ofreceu ningunha explicación sobre a finalidade de ditos contratos coa empresa InvestigaMás Detectives nin aportou os informes supostamente elaborados sobre as traballadoras, documentación que tampouco se atopou na residencia".

Pola súa parte, o detective implicado tampouco achegou ningunha documentación, se ben en días pasados contactou telefonicamente coa alcaldía para informar de que fora entregada no seu día a Benjamín Escontrela como contratante do servizo e como persoa responsable da custodia deses informes.

Seijas considera "sorprendente e reveladora" a actitude de Escontrela e advírtelle de que "se pensa que co seu silencio vai conseguir que se olvide un tema tan grave está moi equivocado, porque este goberno pensa chegar onde faga falta para esclarecer os feitos e que as traballadoras coñezan todo o sucedido".

0.22913885116577