Recuperado o subministro eléctrico no 100 por cento en toda Galicia

Ás 07.00 horas da mañá, o 99,95 % da demanda enerxética da Península (25.794 megavatios) xa estaba recuperada, despois do apagón que comezara o luns arredor das 12.30 horas. Segundo informaron Red Eléctrica e o Ministerio para a Transición Ecolóxica, a totalidade das subestacións da rede de transporte de electricidade están de novo operativas.
O subministro en Galicia está xa restablecido ao 100% segundo informou a Delegación do Goberno, sendo os municipios de Touro e parte de Arzúa os últimos en recuperar o servizo.
Na provincia de Lugo, o servizo restableceuse por completo xa pola mañá. Zonas como A Ulloa foron as últimas en completar a recuperación, sobre as 9.30 horas. En Ourense, un dos últimos en recuperarse foi A Pobra de Trives, pasadas as 11.45 horas.
A reposición do subministro eléctrico en Galicia comezou na tarde do luns en distintas zonas das provincias de Lugo e Ourense, e avanzou progresivamente durante a noite e a madrugada no resto do territorio. En cidades como Ferrol ou Pontevedra, o servizo restableceuse despois das 4.30 horas, mentres que en Santiago, segundo fontes municipais, a normalidade recuperouse ao redor das 6.00 horas.
MEDIDAS PREVENTIVAS
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou nunha comparecencia pública que ademais dos hospitais e os servizos de urxencia, a Atención Primaria prestarían atención sanitaria este martes. Ademais, explicou que os galegos que utilicen aparellos respiratorios poderán cargalos nos Puntos de Atención Continuada (PAC) e que poderán informarse a través dos teléfonos do 061 e 112.
Tamén pediu aos galegos que fagan "un uso responsable" dos servizos básicos da sanidade e que eviten consultas que non se consideren necesarias ata que se restablecera a subministración eléctrica.
Este martes, por decisión do Cecopi quedou suspendida tamén a actividade lectiva en todos os centros educativos de Galicia, escolas infantís e centros de día, así como toda a actividade deportiva federada.
RESTABLECEMENTO DO SERVIZO
En Galicia, o subministro eléctrico comezou a restablecerse en puntos de Ourense e Lugo na tarde do luns. As provincias da Coruña e Pontevedra foron as últimas en comezar a recuperarse.
A cidade de Lugo e a maior parte das capitalidades dos concellos contaban xa con subministro desde a tarde do luns. Porén, a cidade Ourense, que fora unha das primeiras en recuperar a luz, volveu a sufrir un novo apagón sobre as 20.00 horas e a maioría da cidade quedou sen subministro ata ben entrada a madrugada.
Carballedo, Trabada e Ribadeo foron algúns dos primeiros puntos da provincia de Lugo en ter luz, mentres que en Ourense, vairas zonas de Pereiro de Aguiar recuperaron o subministro prácticamente dende primeira hora da tarde do luns.
En xeral, foron poucos os incidentes rexistrados durante o apagamento en toda a comunidade, a excepción de o sucedido en Taboadela, onde tres persoas dunha mesma familia faleceron por intoxicación de monóxido de carbono pola mala combustión dun xerador.
GALICIA BAIXA O NIVEL DE EMERXENCIA E RECUPERA AS COMPETENCIAS
Este luns, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, comparecía por primeira vez arredor das 18.00 horas para informar sobre a situación. Explicou que o corte estivo relacionado cunha “oscilación moi forte nos fluxos de potencia nas redes”, o que provocou a desconexión do sistema eléctrico español do europeo
Xa preto das 23.00 horas, tras a terceira reunión extraordinaria do Consello de Seguridade Nacional, o presidente volveu comparecer para confirmar que, ás 12.33 horas deste luns, desapareceron 15 gigavatios en cuestión de segundos, o que supón o 60 % de todo o subministro que consumía España nese momento. Porén, as causas desta desaparición seguen a ser descoñecidas e continúa a investigación, pero xa se descarta un ciberataque.
En total, foron oito as comunidades autónomas que solicitaron o nivel 3 de emerxencia: Galicia, Madrid, Estremadura, Murcia, A Rioxa, Castela-A Mancha, Comunidade Valenciana e Andalucía. De este modo, as competencias sobre a xestión do apagón pasaron ao Goberno central. Galicia volveu na mañá deste martes a recuperar as competencias tras baixar o nivel de alerta.
Pola súa banda, desde Rede Eléctrica aseguran que se trata dun incidente "sen precedentes". “Na historia de Rede Eléctrica nunca houbo un incidente destas características no sistema eléctrico peninsular”, aseguraba na súa comparencia o director de Servizos da Operación de Red Eléctrica, Eduardo Prieto, que cualificou o feito de “absolutamente inusual e extraordinario”. Na mesma liña que o Goberno, insiste en que aínda se descoñecen as causas que levaron ao colapso total.
O DELEGADO DO GOBERNO PIDE TRANQUILIDADE
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, lanzou este luns unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía galega, á que pediu que confíe só nas fontes oficiais para informarse sobre a crise e evite os desprazamentos innecesarios para aforrar combustible e evitar posibles incidencias. Tamén reiterou a recomendación dun uso limitado dos servizos de comunicación telefónicos para garantir as conexións no caso en que se produza algunha emerxencia. Así o fixo durante a reunión do Centro de Coordinación Operativo Integrado (CECOPI), do que forma parte, e que se está a celebrar na sede da Axencia Galega de Emerxencias-112 na Estrada (Pontevedra).
Pedro Blanco incorporouse a primeira hora da tarde do luns á reunión do órgano de coordinación tras a activación do nivel 2 do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA) por parte do director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia. Nesta reunión está acompañado polo xefe superior de Policía de Galicia, Pedro Pacheco; o xeneral xefe da 15 Zona da Garda Civil de Galicia, Miguel Ángel González e a xefa da Unidade de Protección Civil da Delegación do Goberno, María Dolores Gómez.
O delegado destacou a ausencia de incidencias de seguridade cidadá durante as horas posteriores ao fallo e informou de que tanto Garda Civil como Policía Nacional teñen activados todos os seus efectivos para garantir a atención de calquera emerxencia e facilitar os traballos dos equipos de Protección Civil. Nesta liña, lembrou á cidadanía que realice un uso responsable destes servizos.
En todo caso, Pedro Blanco reiterou o traballo intenso e continuo de todos os departamentos do Goberno para recuperar o subministro de electricidade en todo o país o antes posible. Nesta recuperación, o delegado mantén o contacto permanente cos responsables de Rede Eléctrica e Presidencia do Goberno para coñecer os avances nesta recuperación e atender as necesidades que poidan precisar no que respecta a Galicia.
“NORMALIDADE” NOS HOSPITAIS
Nos hospitais galegos puxéronse en marcha os xeradores de emerxencia e tanto os quirófanos como as unidades de críticos contan con baterías autónomas, o que permitiu resolver algunhas incidencias. Desde o Sergas envían unha mensaxe de tranquilidade e aseguran que as urxencias atenderanse con normalidade. O persoal tanto de hospitais, como dos PAC e dos centros de saúde segue traballando, segundo informan desde Sanidade.
PROBLEMAS NAS LIÑAS DE TRANSPORTE
A DXT, pola súa banda, solicitou evitar na medida do posible os desprazamentos por estrada para previr posibles accidentes, mentres que o 112 pide empregar este número só en casos de emerxencia para non saturar a liña, e informan de que tanto o 112 como o 061 seguen atendendo chamadas sen interrupción.
Desde AENA tamén comunican que os aeroportos estiveron operativos cos sistemas eléctricos de continxencia e que o impacto nos voos dependerá das dificultades que poidan ter os pasaxeiros e a tripulación para chegar aos seus destinos.
O servizo ferroviario quedou suspendido en toda España ata este martes. En Ourense, os viaxeiros do Avant Ourense-A Coruña permaneceron atrapados varias horas dentro do tren.