Esta fin de semana celébrase a II Concentración Motera de Sarria Bikers

SarriaXa
O Motoclub Sarria Bikers organiza a súa segunda edición da Concentración Motera este 2024 durante os días 10, 11 e 12 de maio, un evento que congregará a moitos amantes do motor e das motos.
II Concentración Motera de Sarria Bikers 2024
9 Maio 2024

O Motoclub Sarria Bikers organiza a súa segunda edición da Concentración Motera este 2024 durante os días 10, 11 e 12 de maio, un evento que congregará a moitos amantes do motor e das motos.

Durante os tres días nos que se desenvolverá esta edición, están organizadas diversas actividades, tanto para os participantes da concentración como para as persoas que se acheguen a desfrutar desta edición.

Así, o venres ás 16.00 horas abriranse as inscricións e ás 22.00 horas terá lugar unha pancetada gratis para as persoas inscritas nesta edición, que virá seguida dun concerto de La Disquetera e Dj Cendoi ás 23.30 horas.

Pola súa parte, o sábado 11 ás 09.30 horas abriranse as inscricións e almorzarase, xa que ás 10.30 horas terá lugar a primeira ruta moteira, que rematará ás 14.00 horas cunha sesión vermú coa Charanga Louband e pinchada. Xa pola tarde, ás 15.30 horas desenvolveranse uns xogos moteiros e haberá a atracción do cocho mecánico para ás 18.30 horas desenvolverse a exhibición moteira no Campo da Ribela. Pola súa parte, ás 20.00 horas celebrarase unha ruta de fachos e bandeiras en memoria dos moteiros caídos e ás 21.30 horas terá lugar a cena no pavillón, que estará acompañada polo concerto do grupo Arizona e o Dj Cendoi a partir das 23.00 horas.

Por último, o domingo 12 ás 09.30 horas abriranse as inscricións e almorzarase, xa que, de novo, ás 10.30 horas terá lugar a ruta moteira. Ás 13.00 horas será o momento no que se fará o sorteo, daranse os agradecementos e entregaranse os trofeos no bar da concentración da Rúa Castelao. Todo rematará ás 14.00 horas coa comida no pavillón, coa que se porá punto e final ao evento.

As persoas interesadas poderán apuntarse por 45 euros, no que se incluirá a bolsa de benvida, a caña de benvida, a pancetada, todas as pinchadas, a exhibición moteira, o almorzo dos dous días, a cea do sábado, a comida do domingo, os sorteos e trofeos e a acampada no pavillón.

Quen o prefira, pode apuntarse a un día só por 30 euros, podendo elixir sábado ou domingo e no prezo incluirase todas as actividades que se fagan durante o día, máis a bolsa de benvida, a caña, os sorteos e trofeos e a acampada.

Colaboración da Xunta

A Xunta colabora coa segunda edición da concentración moteira organizada polo club Sarria Bikers, que reunirá esta fin de semana a máis de 300 motoristas na localidade. Os inscritos proceden de toda Galicia e doutras comunidades como Asturias, Castela e León ou País Vasco, ademais de Portugal.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou en Sarria na presentación das actividades previstas e felicitou á organización por darlle continuidade a unha iniciativa “que atrae a afeccionados ás motos de moitos lugares de España, o que supón unha importante promoción para toda a zona e ten un impacto positivo na economía local”.

A organización deseñou un programa amplo no que destacan as rutas moteiras que se desenvolverán o sábado e o domingo, unha exhibición o sábado ás 18.30 horas no campo da Ribela a cargo de Jaque Nh-Pina Stunt Team (gratuíta para os inscritos na concentración) e diferentes actuacións musicais.

0.16031193733215