Este sábado Paradela acolle a Festa do Peregrino e dos paradelenses de fóra
O próximo sábado, o concello de Paradela, dentro dos actos do seu bicentenario, terá cos peregrinos que pasen polo concello unha atención especial, agasallándoos con empanada de anguías (o elemento gastronómico máis destacado do concello) e doces de Paradela.
No tramo de Camiño Francés a Compostela no Concello de Paradela, de 7.300 metros de lonxitude, o concello situará mesas para ofrecer aos peregrinos que veñen facendo a ruta cadanseu anaco de empanada e de roscón de Paradela para agradecer o seu paso polo Camiño e poñer de relevo dous elementos gastronómicos de primeira orde dos que o concello é unha recoñecida potencia.
Esta distribución hase facer a todos os camiñantes que cheguen a territorio paradelense entre as 10 e as 12 da mañá, ata esgotar existencias.
VISITA GUIADA
Por outra parte, e dedicada especialmente aos paradelenses que están fóra e veñen de vacacións e a todos os interesados, vaise facer unha visita especial guiada ás “Exposicións do bicentenario de Paradela”.
Esta visita, que comezará ás 12.00 horas nas instalacións do Mercado de Paradela (Edificio multiusos) consistirá nunha recepción por parte do alcalde, José Manuel Mato Díaz, a interpretación de cancións sobre textos do escritor Manolo Rodríguez polo cantautor de Becerreá residente en Barcelona, Alfredo González Vilela e a presentación de varias exposicións.
A primeira delas é “Manuel Rodríguez, 2.0” a mans do seu fillo, Santiago Rodríguez, profesor de doctorandos na Universidade de Bristol (UK). A exposición “Do tempo das luces” reúne fotos antigas de Paradela cunha invitación para continuala en anos sucesivos e formación do Arquivo da imaxe de Paradela, por Rocío Domínguez Brea, presidenta da Asociación de Mulleres de Paradela.
E haberá unha derradeira, “Paradela, senda infinita” por Xulio Xiz.
Os asistentes recibirán cadanseu exemplar dos catálogos das tres exposicións, e do libro resume dos 200 anos de Paradela de Xaime Félix López Arías, Arlindo. A continuación, nas instalacións do Mercado servirase un viño da Ribeira Sacra con pinchos da gastronomía de Paradela.