Este venres comeza a IV Ruta Triacastela, que percorrerá Samos, O Incio e Pedrafita

Triacastela será, os días 20 e 21 de marzo, un punto de encontro para os amantes do motor coa celebración da IV edición da Ruta Triacastela, unha proposta que cada ano congrega a numerosos participantes tanto da comarca como doutras zonas de Galicia.
A actividade desenvolverase ao longo de dúas xornadas cun percorrido de preto de cen quilómetros polos montes e camiños forestais de distintos concellos, entre eles Triacastela, Samos, Pedrafita do Cebreiro e O Incio, territorios recoñecidos pola súa riqueza paisaxística e polas condicións idóneas para este tipo de rutas off-road.
Os organizadores deseñaron tamén diferentes probas de habilidade ao longo do trazado para aqueles participantes que desexen poñer a proba a súa destreza, engadindo un compoñente competitivo á experiencia.
O evento está impulsado polo equipo Team Zennon 4x4 Becerreá, que promove esta iniciativa co obxectivo de fomentar a convivencia entre afeccionados ao motor e, ao mesmo tempo, dar a coñecer os camiños e paraxes naturais da zona.
Os primeiros participantes comezarán a chegar xa na xornada do venres 20, cando poderán recoller os dorsais no bar Peregrino a partir das 20.00 horas. A programación continuará o sábado, cun inicio previsto ás 8.00 horas no polideportivo municipal.
Unha hora máis tarde darase a saída ás primeiras motos para completar un percorrido de 98 quilómetros que atravesará lugares como Pasantes, Queixadoiro, Louzarela, Noceda —onde terá lugar a comida—, Seixo, Lousada, Vilela, Vilasibil, A Portela, Gundriz, Nande e San Cristovo do Real, antes de regresar ao punto de partida.
A xornada concluirá cunha cea de convivencia entre os participantes, que estará amenizada con música, poñendo o broche final a un encontro que combina deporte, natureza e compañeirismo.