Este venres terá lugar a representación de 'A bibliotecaria estrafalaria 2.0' en Sarria
A II Mostra de Teatro "Iván Tourón Morais" continúa na Casa da Cultura este venres a partir das 17.30 horas coa obra infantil "A bibliotecaria estrafalaria 2.0".
A protagonista desta obra, Cris de Caldas, resume o espectáculo como “unha bibliotecaria chamada Candelaria que compartiu comigo os libros máis espectaculares e as historias máis sorprendentes. Desde entón levo libros pop-up, de imaxes, grandes e pequenos. Estes libros e historias para o goce dos peques, dos maiores e das familias que sempre acaban cun "Oh!" de sorpresa. Desta volta, o lote de libros que me prestou a bibliotecaria estrafalaria é máis xoguetón ca nunca, porque Candelaria descubriu aos surrealistas e aos dadaístas e quere seguir sendo estrafalaria e volveuse patafísica".
Esta obra será de entrada gratuíta para todos os nenos e nenas de Sarria que teñan ganas de pasar unha tarde divertida e diferente xunto cos seus compañeiros de clase e amigos.