Convocada unha Comisión Especial de Contas polo goberno local de Sarria
O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, convocou para este xoves unha Comisión Especial de Contas coa aprobación do orzamento municipal para 2023, que ascende a 13,3 millóns de euros, como único punto na orde do día.
O obxectivo do goberno local sarriao é aprobalo nun pleno da Corporación que pretende convocar para a vindeira semana. Así, Claudio Garrido pídelle aos grupos da oposición "responsabilidade política para evitar o bloqueo do concello" e tamén o "compromiso cos traballadores municipais posibilitar a implantación da RPT e sacar adiante o proceso de estabilización laboral".
Se o ditame da Comisión Especial de Contas é favorable, o rexedor local tamén incluirá na orde do día do pleno a aprobación do orzamento do organismo autónomo da Residencia de Maiores Nosa Señora do Carme, que ascende a 1,5 millóns de euros.
Segundo explicou, a implementación de novas melloras no servizo asistencial e a ampliación do plantel de traballadoras de 31 a 47 para cumprir coas ratios establecidas pola Xunta de Galicia están supeditadas á aprobación deste proxecto orzamentario.
Contestación á oposición
En relación coas supostas queixas en canto á falta de persoal, Claudio Garrido salientou que "o goberno local ten toda a vontade do mundo de contratar os profesionais estipulados pola Xunta de Galicia, pero para iso é preciso aprobar o cadro de persoal e o orzamento da residencia".
Ao respecto, pediulles aos grupos da oposición "que pensen nos residentes e nas traballadoras e que non utilicen a residencia para tratar de desgastar ao goberno" e acusou ao PP de "faltar á verdade" e de "xogar á estratexia da confusión" ao asegurar que o goberno local pretende subir o custo das prazas na residencia.
"Na residencia non suben os prezos, o único que cambia é o sistema para que os usuarios paguen en función dos ingresos e do patrimonio, que é o mesmo sistema de copago que aplican a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo naqueles centros cos que teñen concerto ou que forman parte da súa rede pública", explicou o rexedor local.
Ademais, o alcalde salientou que a residencia de Sarria non percibe ningunha achega económica nin da Xunta nin da Deputación de Lugo e finánciase exclusivamente coas cotas dos residentes e coa aportación do Concello de Sarria, que durante o exercicio de 2022 foi de 561.000 euros.