Estefanía Padullés: “Os encontros con nenos sacan o mellor de min e danme enerxía para seguir”

SarriaXa
A ilustradora e escritora catalá, pero afincada en Paradela, Estefanía Padullés, vén de publicar un novo libro infantil: 'A egua de Breogán'
Estefania-Padulles-libro
14 Sep 2025

Jessica Fernández

Estefanía Padullés nace en 1978 en Vilada, un pequeno pobo ao norte da provincia de Barcelona, preto dos Pireneos, de onde procedían os seus avós paternos. Os seus avós maternos, en cambio, eran galegos, e durante a infancia pasaba parte do verán na súa aldea, da que gardou bos recordos polo contacto cos animais e a vida en plena natureza.

Estudiou bioloxía en Barcelona e, tras licenciarse, trasladouse a Almería, onde desenvolveu diversas tarefas relacionadas coa súa profesión, traballando, por exemplo, nun Centro de Recuperación de Fauna Mariña, en clínicas veterinarias e na Reserva Zoolóxica do Deserto de Tabernas, onde aprendeu moito sobre educación ambiental coordinando o Departamento de Educación.

No 2012 decidiu, xunto á súa parella, mudar a Galicia e perseguir o seu soño: dedicarse á ilustración e á escritura. Desde entón reside nunha aldea de Paradela, onde restauraron unha casa antiga con horta e dedícase profesionalmente á creación e ilustración de libros infantís e xuvenís. Alí, inspirada polo o contacto coa natureza, a tranquilidade e a calidade humana, desenvolve o seu traballo.

Cando entrou neste mundo o primeiro que viu é “que estaba dividida a parte da ilustración e da escritura, polo que ao principio intentei ser máis unha ilustradora, porque eu amaba debuxar desde pequena, pero co tempo dinme de conta de que me gustaban moito as dúas cousas: debuxar a escribir, polo que comecei a combinar as dúas cousas, xa que para min son dúas caras da mesma moeda”.

Desta maneira, a artista comezou a publicar libros ilustrados para nenos e nenas, pero tamén levou a súa arte á rúa e aos espazos públicos, sendo a autora de murais que decoran o CEIP San Miguel de Paradela, como o da biblioteca, o do comedor ou o do patio, que enche de motivos naturais e humanos o colexio da vila. Pero tamén pintou un mural nun local de Santalla contra o feísmo, xa que como di Padullés, “está en expansión o fenómeno de pintar os muros para loitar contra o feísmo e paréceme importante participar deste movemento no rural, pintando motivos relacionados co espazo onde está localizado”, sostén.

Tanto nos seus textos como nas súas ilustracións, xa sexan debuxos ou murais, procura transmitir emocións que lle resultan inspiradoras, tal e como fixeron outros autores nas súas obras, deixando unha pegada que a acompaña e que sempre recorda a través dos personaxes.

Pretende que as súas historias sexan divertidas e á vez emocionantes, que permitan ao lector desconectar da realidade durante un intre, pero tamén que sirvan de apoio na súa vida cotiá. As súas ilustracións queren ser tenras e cun toque naïf (que se caracteriza por reflexar a realidade con deliberada inxenuidade, aparentemente infantil, e con poesía e simplicidade), aínda que sempre mantén o rigor científico e documentase ao máximo para que tamén teñan valor educativo.

“Creo que o máis importante para que un autor logre transmitir a súa obra é que se emocione de verdade ao creala. E a min, este mundo creativo, tanto literario como plástico, apaixóname”, destaca.

A IMPORTANCIA DE PARADELA

Aínda que fixo murais noutros concellos, como en Quiroga, Estefanía sostén que con Paradela ten unha conexión especial, “xa que me sentín acollida desde o primeiro momento; invitáronme a participar en actos do Concello, organizaron un acto para presentar varios dos meus libros, como o de ‘A pantasma do castelo’... Sinto moi aprecio desde o Concello e desde o colexio, no que se fan moitas cousas e é moi emocionante participar delas, algo que me axuda a medrar como autora. Por iso me gusta tanto facer cousas alí, é incrible poder facer cousas novas e desenvolverme neste aspecto profesional. Era o meu soño e fíxeno aquí en Paradela grazas ás oportunidades que me deron”.

Tendo en conta ese desenvolvemento como autora en Paradela, Estefanía considera que de cara ao futuro debe que seguir potenciando esa conexión cos nenos e coa educación. Por iso, tamén participa en feiras de libros e en clubs de lectura nos que poder amosar as súas ilustracións e as súas historias, onde ve “o feedback que me dan os nenos, xa que me gusta saber que opinan para seguir mellorando as miñas historias. Eses encontros sacan o mellor de min, xa que nese momento no que tes contacto cos nenos que se leron o libro e veñen co libro felices e ás veces ata che piden un abrazo... iso é brutal. Porque para eles ese libro é importante e especial na súa vida. Iso dános aos autores enerxía para seguir escribindo e facer máis cousas. O meu proxecto de futuro é seguir ilustrando e escribindo libros para devolverlles aos nenos ese cariño que me dan, transmitindo uns valores. Tamén me gustaría escribir para adultos, e seguir co muralismo, pero sobre todo seguir o meu camiño da man dos máis pequenos que son o futuro da sociedade”, subliña.

A SÚA ÚLTIMA OBRA

Estefanía Padullés presentou recentemente a súa última obra, ‘A egua de Breogán’, na que se expón a lenda de que foi o rei Breogán quen uniu ás tribos celtas e as asentou arredor da torre de Brigantia para fundar a nación galega. Este libro, porén, fala da súa egua, ese animal sagrado que transformou a Breogán en heroe, e que, aínda hoxe en día, ás veces se pode escoitar galopando entre os vellos bosques de Galicia.

Segundo explica, como ocorre con todos os seus libros, este non foi unha excepción e documentouse profundamente para tentar contar a historia de forma fiel e historicamente rigorosa, aínda que “sempre introduzo algo de fantasía”. Na historia ten tamén un papel destacado a natureza, xa que A egua de Breogán supón a exaltación dese "vínculo coa natureza dos pobos galego e irlandés", afirma.

Nesta época marcada polos incendios, é especialmente importante que os nenos adquiran ese amor polos bosques e os animais, polo que o libro pode ser “un bo recurso didáctico nos colexios, así como para ser lido por nenos e nenas de distintas idades ou por calquera persoa interesada na lenda de Breogán ou afeccionada ao álbum ilustrado”.

En definitiva, sinala, é un libro moi galego, cargado de memoria e perfecto para regalar. En canto á ilustración, comenta que “os debuxos fíxenos o mellor que puiden, tamén o álbum ilustrado. Gústame traballar con moita calma nesta parte, porque permite facer un libro grande, en tapa dura, a dobre páxina, e así poder lucirse nas ilustracións. Por iso intentei facer un libro bonito, para contemplalo e lelo máis dunha vez”.

⚙ Configurar cookies
0.16441798210144