Estradas de 15 concellos estiveron afectadas polas nevaradas

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación garantiu a mobilidade nas estradas provinciais de 15 concellos afectadas pola nevarada de onte
Dispositivo provincial nevaradas
26 Feb 2023

A Deputación de Lugo garantiu a mobilidade nas estradas provinciais de 15 concellos da Montaña, a zona sur e A Mariña que se viron afectadas pola nevarada que tivo lugar na tarde de onte e nesta pasada noite.

Para elo, a institución mobilizou un dispositivo composto por 52 operarios e 18 máquinas quitaneves, 8 pick up e 8 vehículos todo terreo co obxectivo de facilitar a circulación e garantir a seguridade dos condutores e condutoras.

Grazas ao intenso e constante traballo que levou a cabo o dispositivo provincial, todas as vías están abertas nestes momentos, cando menos un dos carrís, tras acumular entre 5 e 15 centímetros de neve.

As estradas provinciais que resultaron máis afectadas pola neve discorren polos concellos da Fonsagrada, Baleira, Negueira de Muñiz, Navia de Suarna, Ribeira de Piquín, Pedrafita do Cebreiro, Cervantes, Folgoso do Courel, Ribas de Sil e Quiroga, chegando a acumular entre 5 e 15 centímetros.

Con ata 5 centímetros de neve víronse afectadas estradas provinciais ao seu paso por Becerreá, As Nogais, Paradela, Muras e Ourol.

Coa mesma finalidade de garantir a mobilidade e a seguridade na rede viaria provincial, o dispositivo mobilizado pola Deputación procederá esta tarde a botar sal nas estradas ante a previsión de fortes xeadas de mañá. Neste sentido, os 12 silos de sal da Deputación dispoñen de 35 toneladas cada un para conseguir desfacer as placas de xeo.

0.14063286781311