Estréase un documental sobre a historia de Manuel Díaz González, o médico dos pobres do Incio

SarriaXa | RibeiraSacraXa
Moi pronto verá a luz unha cinta centrada na vida de Manuel Díaz González, coñecido como o médico dos pobres ou O Pequeniño do Incio.
documental o medico dos pobres
10 Oct 2023

Moi pronto verá a luz unha cinta centrada na vida de Manuel Díaz González, coñecido como o médico dos pobres ou O Pequeniño do Incio. O documental sobre o último alcalde republicano do Incio, asasinado polos falanxistas en 1936, está impulsado pola asociación A Memoria é Náufraga e dirixido por Federico Rioboo.

A produción recupera a memoria dunha figura de transcendencia para a vida social e política do Incio cando se cumpren 87 anos da súa morte. Porén, o médico e político tamén deixou a súa pegada en Bóveda, pois foi neste Concello onde tivo o seu último refuxio antes de ser apresado e executado en Castilla da Serra, entre Laiosa e O Incio, o 11 de setembro.

Concretamente, agochouse nunha casa de Xullán, coñecida hoxe en día como A Casa da Memoria, unha antiga casa de farmacéuticos con máis de 150 anos de historia, onde a asociación promotora da película conta coa súa sede.

A través deste traballo, que está baseado no libro Siempre y memoria - muerte y evocación de un médico republicano de José Luis Díaz Gómez, o colectivo pretende divulgar a relevancia desta personaxe que foi todo un exemplo de profesionalidade e vocación de servizo para os veciños.

Para poder levar a cabo o proxecto contaron co apoio económico da Deputación de Lugo e A Coruña así como tamén coa axuda de varios donantes a través dunha campaña de colaboración na que xuntaron máis de 3.000 euros.

Proxeccións ao longo da provincia

O vindeiro 14 de outubro estrearase a produción no Vello Cárcere de Lugo ás 19.30 para logo ofrecer proxeccións por distintos concellos da provincia. En Bóveda poderá verse o 15 de outubro no centro sociocultural ás 18.00 horas. A Quiroga o documental chegará o 24 de novembro, mentres que en Taboada poderá verse o 25 de novembro ás 19.30 horas no Cuartel Vello.

No Incio a produción proxectarase ás 17.00 horas o 26 de novembro. En Chantada, chegará o 1 de decembro ao auditorio municipal ás 20.30 horas. Polo momento, a última proxección confirmada será en Sarria o 2 de decembro ás 19.00 horas nos locais da sociedade La Unión.

a casa da memoria
0.14460206031799