Éxito de participación na ruta guiada #DescubrindoSamos

SarriaXa
A colaboración entre as entidades organizadoras e o entusiasmo dos participantes fixeron desta ruta un rotundo éxito
ruta-guiada-Samos
27 Jan 2025

Este sábado, decenas de persoas de toda Galicia e de diferentes nacionalidades participaron na ruta guiada #DescubrindoSamos, organizada polo guía turístico Guido Guía, a Asociación de Artesáns e Comerciantes de Samos e o Concello de Samos.

A ruta contou coa colaboración do guía e historiador Xaime Fernández, quen guiou aos asistentes polos lugares máis emblemáticos e de maior interese histórico e cultural do municipio. O percorrido destacou a riqueza do patrimonio local, facendo especial fincapé nas ferrerías, a abadía de Samos, o mosteiro e o paso do Camiño Francés.

Os participantes puideron coñecer a fondo a historia e a importancia destes espazos, que forman parte dunha das rutas xacobeas máis visitadas.

A actividade foi unha excelente oportunidade para poñer en valor o legado cultural e histórico de Samos, ao tempo que favoreceu o encontro entre persoas de diferentes lugares e nacionalidades, unidas polo interese común por descubrir a beleza e a tradición desta localidade galega.

A colaboración entre as entidades organizadoras e o entusiasmo dos participantes fixeron desta ruta un rotundo éxito, confirmando a importancia deste tipo de actividades para a promoción do turismo e do patrimonio local.

0.17519688606262