Éxito rotundo da masterclass solidaria de zumba a favor de Diversa Infantil no Incio

A masterclass de zumba celebrada o pasado sábado no pavillón do CEIP Ricardo Gasset do Incio convertiuse nun auténtico éxito de participación, ao superar o cento de asistentes nunha cita marcada pola solidariedade e o espírito comunitario. A iniciativa, organizada co obxectivo de apoiar á Plataforma Diversa Infantil de Sarria, congregou público de todas as idades nun ambiente dinámico e festivo.
Desde a plataforma destacaron que a sesión foi “fermosa e interxeracional”, e subliñaron que mesmo quen nunca practicara zumba puido gozar dunha actividade “moi divertida e participativa”.
O evento contou coa presenza do jammer Seluco Fernández e dos instrutores Milos, Karen, Sheila, Marlla, Pilar e Tania, que colaboraron de maneira totalmente desinteresada para maximizar a recadación a favor da entidade.
A organización agradeceu especialmente ao Concello do Incio e a Anita polo seu apoio, subliñando que o municipio “encheuse de xente” nunha xornada que deixou unha fonda pegada entre os participantes. A valoración final non puido ser máis positiva: “Todo o mundo saíu moi contento”, sinalaron.
A actividade permitiu recadar 990 euros, que se destinarán aos programas de visibilización e concienciación sobre inclusión que desenvolve a Plataforma Diversa Infantil de Sarria.