Éxito rotundo na primeira edición do Cocido Gourmet de Porco Celta do Incio

O Concello do Incio superou todas as previsións ao reunir a máis de 200 persoas na primeira edición do Cocido Gourmet de Porco Celta.
Este encontro gastronómico nace coa intención, segundo explicou o alcalde Héctor Corujo, de poñer en valor este produto tradicional e converterse nun reclamo turístico e culinario tanto para a comarca como para o conxunto de Galicia.
O xantar tivo lugar no Hotel Hermida Rural, situado en Eirexalba, e deu comezo co discurso inaugural da escritora local Marica Campo, escollida para estrear esta iniciativa pola súa traxectoria como figura destacada da cultura dende o rural galego.
Antes da comida, os asistentes puideron gozar dunha degustación de viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, ofrecida polas adegas Guímaro e Terra Brava, esta última a única bodega ubicada no municipio. O menú incluíu, ademais do cocido elaborado con porco celta, sobremesa e a tradicional queimada.
Pregón literario con sabor galego
Marica Campo, pregoeira desta primeira edición do evento, realizou unha simbólica comparación entre a ‘Odisea’ de Ulises e a historia do porco celta, afirmando que este animal “é o noso heroe, o noso Ulises, e hoxe celebramos o seu retorno, un regreso marcado por múltiples retos superados grazas ás persoas valentes que apostan pola gandería”. En palabras da autora, son “homes e mulleres que se atreven a soñar e que fan do seu esforzo diario unha travesía que mantén viva esta raza autóctona”.
Campo destacou tamén que a recuperación de especies propias é un “acto digno e meritorio que merece recoñecemento e respaldo social”.
Tamén apuntou que o porco celta estivo a punto de desaparecer debido ao avance da gandería intensiva e ao despoboamento rural, o que propiciou a substitución desta raza por outras foráneas. Porén, defendeu que este animal representa unha auténtica xoia culinaria, cun alto valor nutricional e un sabor excepcional.
“Conservar a tradición sen renunciar á innovación, como se fai nesta celebración do cocido gourmet, é clave para garantir o progreso e o futuro do rural”, sinalou.
A escritora tamén quixo agradecer o traballo de Breogán Pereiro e Pedro Rodríguez, das adegas Terra Brava e Guímaro, eloxiando “o agarimo que poñen na súa labor”.
Por último, rendeu homenaxe ás persoas que, ao longo do tempo, contribuíron a manter viva a presenza do porco celta, facendo mención especial ás mulleres que o cociñaron, aínda que moitas veces non chegaban a saborear os produtos porque debían vendelos para subsistir. Tamén tivo palabras de agradecemento para o cociñeiro do restaurante Cinza e Lume e para todas as persoas que colaboraron para facer desta xornada un día inesquecible. “Saúde, paz e un longo camiño para o cocido gourmet celta”, rematou Campo.
Un evento con vocación de continuidade
O alcalde Héctor Corujo destacou que esta proposta busca reforzar a importancia do porco celta, unha raza que conta no municipio coa explotación máis grande de Galicia, ao tempo que se pretende consolidar como unha cita anual de referencia, con capacidade de atraer cada vez máis visitantes.
O Concello do Incio expresou o seu agradecemento pola colaboración das empresas locais que se sumaron a esta primeira edición, como Cárnicas Teijeiro, Mel Casa Benito ou Panadería Romo, así como da Asociación de Criadores de Porco Celta (Asoporcel), as adegas participantes e a Xunta de Galicia.