Éxito rotundo na VI Xuntanza Parroquial de Saa 2025

A VI Xuntanza Parroquial de Saa 2025, no Páramo, foi todo un éxito. Este evento que reuniu á veciñanza nun ambiente de convivencia, música, boa comida e entretemento para todas as idades.
A xornada comezou ás 12:50 horas cunha emotiva misa na igrexa en lembranza dos defuntos da parroquia. A continuación, no campo da festa de Paredes, tivo lugar a actuación da Banda da Comarca de Sarria, subvencionada en parte pola Deputación.
Ás 15:00 horas celebrouse o esperado xantar, no que se serviu empanada de liscos, polbo á feira, carne ó caldeiro, caña e tarta helada, ademais de pan, bebidas, café con gotas e chupitos.
Ata 180 persoas desfrutaron deste xantar, incluídas as tres persoas por casa comuneira que asistiron de balde. O bo servizo, a amabilidade e a calidade foron moi valoradas polos comensais.
Despois da comida, todos os asistentes recibiron un detalle personalizado por parte da comunidade do monte, un xesto moi agradecido. E, a continuación, chegou un dos momentos máis agardados: a actuación de Luis Rey, que superou con creces todas as expectativas, facendo vibrar ao público cun espectáculo cheo de enerxía e emoción.
Os máis pequenos tamén tiveron o seu espazo, cunha bolsa de lambetadas para cada un e xogos organizados por monitoras, que fixeron que a tarde fose inesquecible para eles.
Xa pola noite, ás 22:00 horas, servíronse uns pinchos compostos por empanada de zamburiñas, croquetas, xamón cocido e larpeira, acompañados de pan, bebidas e café.
A xornada pechouse coa animada actuación do Dúo Tropical, moi querido na parroquia, que puxo o broche de ouro a un día cheo de celebración, encontro veciñal e tradición.