Éxito total nas estreas de 'Mudanza' en Sarria e Paradela

SarriaXa
O público encheu as proxeccións da curta, que contou coa presenza da autora do relato, a produtora, a protagonista e parte do equipo técnico
Estrea-Mudanza-Sonia-Arias
27 Oct 2025

As estreas da curtametraxe Mudanza en Sarria e Paradela convertéronse nun auténtico éxito de público e emoción, reunindo veciños, cinéfilos e membros do equipo que fixeron posible que a obra brillase na súa terra. As proxeccións celebráronse ás 17.30 horas no Concello de Paradela e ás 20.00 horas no Concello de Sarria, e en ambos casos enchéronse de espectadores ávidos de compartir a experiencia artística e emocional que propón a curtametraxe.

O evento contou coa presenza de figuras destacadas do proxecto, entre elas a autora do relato orixinal, Sonia Arias; a produtora, Isabel Montes; a protagonista, Saamira Ganay; a directora de fotografía, Cris Andina; e a directora de vestiario, Cecilia Estévez. Durante as proxeccións e os coloquios posteriores, o público puido percibir a paixón e dedicación do equipo, que convertiron Mudanza nunha experiencia que vai máis aló dun simple cortametraxe.

Sonia Arias destacou o traballo previo e a emoción vivida: “Falei de moitos temas, potenciando quen nos apoiou e quen non, xa que había un gran traballo detrás". Por outra banda, destacou que "foi moi sentimental, xa que hai 14 anos morreu meu pai de cancro de pulmón e 'Mudanza' ten que ver con esa enfermidade. En Paradela, estivo a oncóloga do meu pai, Begoña Campos, e emocionámonos as dúas, creouse maxia”.

Arias lembrou que todo o que recadado coa curta vai para a Asociación Grupo Galego de Cancro de Pulmón, poñendo en valor que "sen patrocinadores e sen a colaboración dalgunhas persoas, isto non sería posible".

Tamén resaltou momentos de humor e emoción durante os coloquios en ambos concellos e a resposta masiva do público: “Enchemos Sarria e petamos Paradela. Foi moi bonito desde o primeiro ata o último momento. Foi un día inolvidable, precioso, hermoso. Non teño palabras, pero as poucas que teño son para agradecer”.

A creadora quixo rematar recoñecendo o "fermoso photocall grazas a Iván Castro, que nos axudou como persoa, non como político ou representante da Deputación”.

Finalmente, Sonia Arias anunciou que en menos dun ano a curtametraxe Mudanza será presentada en arredor de 200 festivais nacionais e internacionais e comezará a súa distribución en plataformas dixitais, consolidando así a repercusión dunha obra que xa deixou pegada no público galego.

⚙ Configurar cookies
0.066761016845703