Fallados os terceiros premios á excelencia do turismo e a gastronomía da Deputación

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Fallados os terceiros premios á excelencia do turismo e a gastronomía da provincia de Lugo da Deputación Provincial.
consello provincial de turismo deputacion
6 Sep 2022

Foron premiados a Asociación Veciños de Vilachá de Salvadur, a Ruta da Faba de Lourenzá, a Fundación Xosé Soto de Fión, o Consello Regulador da DO San Simón da Costa, a Festa da Merluza do Pincho de Celeiro e a Feira do Butelo da Fonsagrada, así como Cabana das Chousas.

A vicepresidenta do Consello Provincial de Turismo e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presidiu este luns no Salón de Plenos do Pazo de San Marcos a sesión extraordinaria deste órgano participativo e consultivo na que se fallaron os terceiros premios á excelencia do turismo e a gastronomía da provincia. Ademais, esta edición recoñecerá tamén a sustentabilidade co premio de Turismo Sostible, exclusivo desta edición ao estar enmarcado dentro das accións que a Deputación de Lugo leva a cabo como antesala do evento Copa España Creativa - Fórum Lugo 2022.

Na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense, o xurado distinguiu á Asociación Veciños de Vilachá de Salvadur; a Ruta da Faba de Lourenzá; e a Fundación Xosé Soto de Fión, e na de ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense gañou o Consello Regulador da DO San Simón da Costa; a Festa da Merluza do Pincho de Celeiro e a Feira do Butelo da Fonsagrada. Pola súa banda, a Cabana das Chousas, en Lugo, foi a empresa recoñecida polo seu traballo ao Turismo Sostible.

A deputada de Promoción do Territorio e Turismo sinalou que “con estes galardóns, contribuímos a dar recoñecemento, visibilidade e promoción á oferta turística e gastronómica da nosa provincia. Unha proxección que ten por obxecto atraer visitantes, xerar riqueza e fomentar o emprego, pero coa que tamén queremos incentivar a modernización do sector, que se xeren propostas innovadoras, suxerentes, e adaptadas aos novos tempos”.

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo, como órgano competente para a resolución da convocatoria dos distintivos, deberá agora aprobar a decisión adoptada polo Consello Provincial de Turismo, e posteriormente publicarase no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Os premios entregaranse nunha gala o vindeiro 27 de setembro coincidindo, tal e como sinalan as bases, co Día Mundial do Turismo.

O xurado estivo formado por 16 persoas que forman parte do Consello de Turismo, representantes deste sector e coa presenza de deputados e deputadas dos tres grupos políticos da Corporación provincial.

Pilar García Porto destacou o valor destes galardóns que “reflicten moi ben o modelo de turismo cara o que avanzamos na provincia de Lugo e as posibilidades que temos de cara ao futuro. Un turismo sostible, non masificado, que pon en valor o patrimonio, a cultura, a gastronomía e a paisaxe, e que contribúe a xerar riqueza e emprego no rural”.

Así mesmo, a deputada recordou que dende a Deputación de Lugo “estamos levando a cabo unha estratexia que se traduce en iniciativas concretas, como son as xornadas gastronómicas e de lecer Saborea a túa Provincia; o programa de turismo deportivo e de aventura Actívate; as Actividades Fluviais; as rutas e as guías do románico; as rutas en catamarán pola Ribeira Sacra; ou o programa Coñece a túa Provincia”.

Os premiados

Na categoría Lugo Cambia ao turismo lucense, o xurado acordou distinguir a tres proxectos turísticos e entidades da provincia en función duns méritos e características propias que axudan a promover un turismo de calidade na provincia. Son as seguintes:

- A Asociación de Veciños de Vilachá de Salvadur, da Pobra do Brollón, resultou distinguida pola posta en valor do patrimonio material e inmaterial a través das actividades realizadas. Entre as propostas impulsadas por esta entidade están a creación dun roteiro circular polos elementos patrimoniais máis importantes e a participación da veciñanza na posta en valor dun castro e da paisaxe natural. Trátase dun proxecto que ten como fin a recuperación de bens do patrimonio cultural e natural e a acción de embelecemento da paisaxe e do medio.

- A Ruta da Faba de Lourenzá, impulsada pola Cooperativa Terras da Mariña S. Coop. Galega, o Forno de Tovar, o Pazo de Tovar e Lourenzá Turismo, loita pola posta en valor do traballo para dar a coñecer a Faba de Lourenzá, un produto con Indicación Xeográfica Protexida. Esta ruta involucra ao visitante en todas as fases deste alimento e dá a coñecer dende a parte máis primaria do cultivo ata a súa degustación final.

- A Fundación Xosé Soto de Fión resulta premiada polo seu proxecto de protección e divulgación do patrimonio, tanto material como inmaterial, no que levan traballando dúas décadas. A través dunha exposición no Ecomuseo Pazo de Arxeriz, pódese coñecer o patrimonio do sur da provincia, así como a comarca dos Ancares e a posta en valor do Castelo de Doiras. Trátase dunha entidade que enfoca o seu traballo tanto para turistas como para investigadores que queren coñecer a provincia de Lugo.

Polo que respecta á categoría ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense, foron galardoados outros tres proxectos:

- O Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa, en Vilalba, recibe o galardón á gastronomía lucense por poñer en valor un produto como o Queixo San Simón, que é un abandeirado da gastronomía lucense e galega. Trátase dun referente no mundo galego que é exemplo de como recuperar un produto a piques de desaparecer. Hoxe é un proxecto de futuro no que están implicadas un gran número de persoas.

- A Festa da Merluza do Pincho de Celeiro, en Viveiro, pon en valor a merluza do pincho pescada de xeito artesanal polos barcos locais. Con este evento exáltanse e degústanse ata oito pratos elaborados con este produto de calidade e con materiais 100% ecolóxicos. Os veciños traballan para que esta cita saia adiante ano tras ano e que as persoas que se acheguen poidan coñecer o seu referente gastronómico e a súa calidade.

- O Concello da Fonsagrada resulta premiado pola Feira do Butelo, unha cita de promoción e fomento do consumo de produtos autóctonos da Montaña no que se fomentan a actividade empresarial de produtores e restaurantes locais. Dende 2018 é Festas de Interese Turístico de Galicia e, nesta edición, celebrou a súa 25º edición.

Polo que respecta á categoría de Turismo Sostible, o proxecto das Cabanas das Chousas foi recoñecido pola súa loita para o coidado e protección do medio ambiente co uso de caldeiras de biomasa, o bo mantemento do espazo para a prevención dos incendios forestais ou a instalación de contedores de reciclaxe. As Cabanas están situadas a varios metros do chan, nun bosque autóctono e están totalmente mimetizadas e integradas co entorno.

Entrega de galardóns

Os premios Lugo Cambia ao turismo lucense, ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense e de Turismo Sostible teñen un carácter honorífico e consistirán na entrega dun diploma acreditativo e dun agasallo que nesta ocasión será unha peza de artesanía tradicional da provincia de Lugo. O día 27 de setembro, Día Mundial do Turismo, está prevista a celebración dun acto de entrega das distincións no Pazo de San Marcos.

Na segunda edición destes galardóns, celebrados o ano pasado, foron recoñecidos o Xeoparque Mundial Montañas do Courel; a web Terras de Burón; a Aldea de Turismo Rural O Mazo, no Courel, e o Concello de Viveiro, na categoría de Lugo Cambia ao turismo lucense. Na de ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense gañou a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel).


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15866303443909