'Fartura de Nadal' de Rilo&Penadique terá lugar hoxe en Triacastela
Hoxe 26 de decembro terá lugar unha narración oral e musical dirixida ao público familiar.
A obra “Fartura de Nadal” corre a cargo de Rilo&Penadique. Elas narran, cantan e musican contos escoitados nalgún lugar ou escritos nalgún libro, nacidos desde ser. Encárganse de fusionar o mundo da infancia coa palabra e a música dando lugar a espectáculos de narración oral para todo tipo de públicos familiares. Sonsoles Penadique é a que leva a parte musical e Vero Rilo a narración oral.
Esta representación enmárcase no ciclo de actividades FalaRedes que é un programa de dinamización da lingua galega que achega aos concellos e entidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta con máis de 180 pases e 30 actividades.
SINOPSE
Non hai nada máis parecido ao Nadal que reunirse a escoitar contos, quererse, comer e fartarse de historias e música! Como facían aquelas dúas velliñas que vivían xuntas, comían xuntas, durmían e soñaban xuntas… Ou aquela avoa que quería pasar o Nadal coas súas tres netas pero dalle por facer pan con mel e… Ui, e cando tocan as 12 da noite, na noite de fin de ano, e chega o Paporco… Rilo&Penadique traemos un feixe de historias onde o quererse, xuntarse e divertirse, son o alimento do Nadal Iso e os cantos, que nunca falten!
Tedes fame?