Fátima Pego: “O meu novo tema con Dj Son1c, Noite de Meigas, versa sobre o San Xoán”

SarriaXa
Fátima Pego, a cantante nada en Bastavales, estará actuando en Sarria coa orquestra Panorama este 26 de xuño. 
FATIMA PEGO (2)
26 Xuño 2022

Fátima Pego, a cantante nada en Bastavales, estará actuando en Sarria coa orquestra Panorama este 26 de xuño. 

Como se desenvolveu o teu amor pola música?

O amor pola música espertou en min dende ben pequerrechiña. Eu crieime nunha familia de amantes da música; meus pais cantaban, a miña avoa é pandereteira e cantareira… Dende ben pequena estiven rodeada de música e sempre me transmitiron ese amor e respecto por ela.

Que artistas te inspiran?

Os meus referentes son moi variados; dende as pandereteiras ou o coro da igrexa no que me criei cantando ata cantantes a nivel internacional como Laura Pausini, Whitney Houston ou Céline Dion.

Que lembranzas máis afastadas no tempo gardas do San Xoán?

As que teño de pequerrecha despois da sardiñada, de estar coa familia e veciños na aldea saltando a cacharela. Lembro marchar cos rapaces a facer trasnadas como cambiarlles as plantas ás veciñas, Iso creo que agora se perdeu un chisco e é unha mágoa porque a verdade é que era algo moi divertido.

Levas a cabo algún ritual nesta noite máxica?

Pois si, saltamos a cacharela e despois facemos a auga coas herbas de San Xoán. E miña nai fai o de meter o ovo na auga.

Gardas algún vínculo con Sarria ou tes algún recordo especial das súas festas de San Xoán?

Desafortunadamente non teño recordos da festa de San Xoán de Sarria, nunca estiven nela que eu recorde. Iso si, lembro que hai anos participei nun concurso musical da Televisión de Galicia en Sarria, a verdade é que o pasara moi ben!

Que supón para ti poder actuar nas súas celebracións?

Algo moi especial porque, como dicimos, é unha festa que é máxica e máis se actúas nunha vila onde se lle dá tanta importancia, que ten esa festividade como propia. Ten un valor engadido que para nós é moi especial!

Tes algún tema favorito dentro dos temas musicais que ofrece este ano a Panorama?

Dentro do repertorio deste ano o meu favorito é “Terra” de Tanxugueiras, sen dúbida. É o primeiro tema do repertorio co que abrimos cada actuación, tanto en Galicia coma en toda España. É un tema moi especial.

E algún que desexes cantar e aínda non estea na vosa lista?

A verdade é que hai moitos, agora mesmo pois non che sabería destacar un, pero quizais algún máis en galego sería chachi metelo.

Poderías suxerir aos lectores de SarriaXa unha canción para que a escoiten este verán?

Pois si, neste caso vou varrer un chisquiño para a casa porque en breve sairá á luz o meu novo tema con DJ Son1c que ademais versa precisamente sobre a noite de San Xoán. Chámase “Noite de meigas”; isto é unha primicia, e vai saír ao redor das datas desta festividade. Agardo que á xente lle guste e por suposto que o desfruten non só nesta noite senón todo o verán.

Ao redor de dez anos, como pensas que será a túa vida?

Pois non son moi amiga de pensar a tan longo prazo, non me gusta. Penso que a vida é o que temos agora e non se poden facer plans a tanta distancia. Gustaríame, obviamente, seguir vencellada á música, á televisión, na terriña, pero como digo tampouco me gusta facer ese tipo de plans. A verdade, poden crear unhas expectativas que logo se non se cumpren nos poden crear frustración. Entón prefiro vivir o presente e iso si, manterme vencellada ás cousas que nos fan felices, iso sen dúbida.

fatima pego
0.12723517417908