Feijóo constata os avances na primeira fase da autovía Nadela-Sarria
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, constatou este luns os avances na primeira fase da autovía Nadela-Sarria, na que o Goberno galego está a investir máis de 25 millóns de euros, para poñer ao servizo dos cidadáns unha infraestrutura "máis segura, máis rápida e máis confortable" a partires do outono do vindeiro ano.
Nesta liña, e durante unha visita ás obras, Feijóo aseverou que ao tempo que se avanza no desdobramento, que comprende arredor de 11 quilómetros entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro, este mesmo ano, licitarase xa a redacción do proxecto para completar integramente a autovía de Sarria ata Nadela.
Ao longo da súa intervención, Feijóo garantiu o compromiso da Xunta para seguir avanzando no obxectivo de coser o territorio con infraestruturas de comunicación capaces de garantir as mellores condicións de mobilidade para as persoas e para as mercadorías. Así, lembrou que "nos peores anos da crise económica, a Xunta investiu 135 millóns de euros na construción da vía de altas prestacións entre Sarria e Monforte, completando, deste xeito, o eixe que fixo posible reducir a menos de 45 minutos o tempo de percorrido entre Lugo e a capital da comarca de Lemos".
“Hoxe o 80% da poboación de Galicia atópase a menos de 15 minutos dunha vía de altas prestacións”, resaltou, reiterando o compromiso tamén coa vertebración da provincia de Lugo.
Ao respecto, salientou que, neste mesmo mes de marzo licitaranse as obras da primeira fase do acondicionamento da estrada LU-231, do eixo Palas-Friol-Begonte, cun investimento de 2,8 millóns de euros. Ademais de iniciarse, dentro dunhas semanas, a contratación da redacción do proxecto do treito que resta por executar da variante leste da cidade de Lugo.
LETARGO DOUTROS PROXECTOS
O presidente do Goberno galego aproveitou o acto para trasladar a preocupación pola falta de avances naqueles proxectos imprescindibles para o futuro de Lugo, que dependen da Executivo central. Sobre este punto, referiuse ao "letargo" no que están sumidas as obras da autovía A-54 entre Lugo e Santiago, e á ausencia de avances na conexión entre Ourense e Lugo, a A-56, "unha autovía que só ten en servizo un treito que, ademais, en solitario ofrece unha escasa funcionalidade".
Así mesmo, expuxo a necesidade de que se axilicen os trámites e os traballos para conectar a provincia e a cidade de Lugo coa alta velocidade ferroviaria. “En 2018 presentouse unha planificación completa para a mellora da conexión ferroviaria entre Lugo-Monforte de Lemos e Ourense, que implicaba que no 2021 estaría en servizo a primeira fase das obras. Non obstante, aínda non se comezou un só quilómetro da súa construción”, recordou.