Felisa Ortega e Artxanda

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
De Foliada en Reigada, unha lembranza da provincia e da vinculación das súas xentes coa cultura e coa tradición.
Moncho paz
12 Sep 2022

Por Moncho Paz

Lembro que lle contei esta anécdota ao meu amigo Fermín Galindo, catedrático de xornalismo e veciño do alto de Castaños, mentres atravesabamos Lezama nunha áxil camiñada de suave ascenso que nos levou coma o vento cara ás vías do funicular de Artxanda. “Por certo, neste barrio naceu a nai de Manu Chao”, comecei. Aquela conversa tivo lugar nunha calorosa tarde de setembro de 2018, ano do pasamento de Ramón. E seguía así: “Aínda que naceu en París, como sabes, Manu é fillo do escritor Ramón Luís Chao e de Felisa Ortega, investigadora científica especializada en electroquímica. O seu pai era galego, de Vilalba, e a súa nai é natural de Bilbao. Ambos establecéronse na capital francesa buscando un futuro mellor e fuxindo da mediocridade española durante a ditadura de Franco”.

Prezado Fermín, coñeces dabondo o forte vencello que me unía a Ramón Chao, pois foi compañeiro de xogos infantís do meu pai e gran amigo seu. E tamén o meu referente intelectual, do cal aprendín case todo no ámbito cultural e no “saber estar” desta profesión, hoxe tan pouco agradecida. A súa obra literaria acompáñame dende 1982, cando publicou a súa primeira novela, O Lago de Como, que supuxo un auténtico revulsivo na súa localidade natal. Os malentendidos que provocou o relato autobiográfico levárono a unha situación de conflito bastante grave, e durante anos foi de incógnito a Vilalba. Mais a realidade é que quería tanto á nosa vila que sempre estivo presente na súa obra, identificada como Reigada. Lin todos os seus libros, máis de vinte, e grazas ao Chavito tiven a gran sorte de cultivar a súa amizade dende moi novo.

Apoioume cando marchei estudar xornalismo a Madrid a finais da década de 1980, coincidimos moitas veces durante os anos posteriores e logo confiou en min para que lle axudase a pechar o ciclo vital da súa reconciliación con Vilalba. En abril de 2011 fun buscalo a París e retornamos xuntos á capital da Terra Chá, onde foi recibido nun acto multitudinario. Foi un verdadeiro mentor para min, boto moito de menos os seus razoamentos e as nosas longas conversas. Dicíame sempre: “Nunca fun de consellos, senón de madurar ben as ideas para sacar conclusións”.

En 1959 Ramón entrou a formar parte do equipo da ORTF (Office de Radiodiffusion Française), que dispoñía dun servizo radiofónico en diferido. As gravacións eran distribuídas polas embaixadas francesas ás emisoras dos respectivos países de influencia, como un exercicio de propaganda e publicidade. Así, comezaron a divulgarse programas radiofónicos como “París á fala” e “Cita en París”, de contido esencialmente cultural e co obxectivo de contribuír ao cambio social e político na España gris de Franco e os seus secuaces.

Na casa familiar de Ramón e Felisa en Sévres, Manu e o seu irmán Antoine recibiron unha educación cultural e musical exquisita. Cando Manu contaba dez anos e o seu irmán sete, Ramón mercou un magnifico Pleyel de cola, un piano de madeira e marfil que estreou con obras de Schumann, Schubert e Manuel de Falla, entre outras partituras. A familia Chao mantivo tradicionalmente unha gran afección musical e Ramón comezou a dar clases aos seus fillos, como dispuxera anos atrás o seu pai con el. Con todo, ao cabo de dous anos, a nai dos nenos, Felisa, cansa das queixas destes, advertiulle que estaban fartos das clases de piano e de que estaba a piques de caer na mesma trampa. Foi cando Ramón lles propuxo que elixisen un instrumento á súa medida. Manu optou pola guitarra e Antoine pola batería, recibindo formación no Conservatorio de Chaville, até que decidiron que estaban suficientemente preparados para pasar á práctica, abandonando as aulas e creando o seu primeiro grupo musical, Joint de Culasse, antecedente de Hot Pants e Los Carayos. Despois chegaría Mano Negra; pero esa xa é outra historia.

Na Europa de posguerra houbo pouca xente cos accesos directos que tivo Ramón Chao á “intelligentsia” da América Latina e do exilio español. Pablo Neruda, Juan Carlos Onetti, Miguel Ángel Asturias, Nicolás Guillén, Alejo Carpentier, García Márquez, Julio Cortázar -e moitos outros autores- foron para Chao a lección aprendida de cada día. Un dos seus grandes amigos foi Eduardo Galeano, que no seu conto “A trama do tempo” describe maxistralmente o reencontro de Felisa Ortega co seu barrio natal de Artxanda, un día a finais do pasado século, tras o multitudinario concerto do seu fillo na Praza do Gas. “É moi importante para min tocar baixo a casa onde naceu a miña nai e no mesmo sitio onde actuei con Mano Negra hai uns anos”, recoñeceu Manu na devandita ocasión. O mesmo sentimento acompañouno hai uns días na súa primeira actuación en Vilalba, unha das grandes ilusións do seu pai. Foi un espectáculo acústico cheo de emoción, que tardaremos moito tempo en esquecer.

Fermín e máis eu rematamos aquela tarde de outono en Ona Bar, tomando unhas cañas con Arturo Trueba e Tomás Ondarra, e inmersos na morea de sensacións que nos provocou o conto de Galeano, do que recomendo hoxe lectura.

Felisa ORTEGA

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14619493484497