Fermín López, do grupo de folk Eoas: “A Noite do Lume do San Xoán de Sarria é nosa”

SarriaXa
Falamos con Fermín López, máis coñecido como Nito, que forma parte do grupo de Folk Eoas que actuará este ano durante a Noite do Lume do San Xoán de Sarria
Eoas-San-xoán-Sarria
16 Jun 2024
Por Jessica Fernández

Como nace a banda de música folk Eoas?

O grupo de folk Eoas nace no 1980 como un grupo de amigos que facían musica folk de composición propia e que participaban en festivais de folk. Así foi durante 10 anos, pero paramos a actividade por falta de tempo, o traballo, casamos... e volvemos a retomar a actividade hai 25 ou 26 anos, a finais dos 90 e principios dos 2000 porque algúns dos compoñentes do grupo que casaban, pedíannos aos demais que lles compuxéramos pezas de folk especiais para a súa cerimonia, entón decidimos volver.

Así, empezou a actividade que mantemos ata o de agora, que consiste en xuntarnos todos os xoves para cenar, tocar, e preparamos actuacións de vez en cando, pero pouca cousa, porque cada un ten o seu traballo e temos pouca dispoñibilidade, pero sempre temos o gusanillo de subir a un escenario.

Adoitamos facelo na Noite do Lume de San Xoán, durante as festas patronais de Sarria. No San Xoán xa tocamos varias veces e colaboramos con Meigas e Trasgos. Algúns anos tivemos moitas ofertas para tocar pero non temos dispoñibilidade, polo que nos xuntamos os xoves e cenamos xuntos e tocamos pola afección pola música.

Os temas de composición propia faciámolos máis para actuacións concretas, como o que comentaba das cerimonias de voda, pero tamén para outros eventos e era en plan concerto, non verbena galega como no San Xoán, aínda que neste si que tocamos unha composición propia nosa que desenvolvemos xusto para o San Xoán de Sarria.

Por quen está formada?

Está formada por Xosé Barbeiro, que toca o acordeón; Xosé Luís Pistón, que toca a batería; Isidro Garañana, que toca o baixo; Borja, que toca a guitarra eléctrica e a gaita; Xosé Real, que é o cantante; Luís Quintana, que toca o saxo e a gaita; Martucho, que toca a frauta traveseira e a gaita, e eu, que toco guitarra acústica.

Os gaiteiros formáronse en Meigas e Trasgos e Luís Quintana en Peleriños. Barbeiro empezou en Monforte e os demais de guitarra e baixo empezamos con Pepín o Asturiano, un señor que tiña unha escola de música en Sarria hai 30 anos e daba clases de guitarra, acordeón… Borja e Pistón son os máis profesionais, xa que o primeiro tocou en orquestras e o segundo é profesor de percusión na Escola de Música de Sarria. Os demais somos máis ben afeccionados que, polo amor pola música, fomos aprendendo tamén de forma autodidacta.

Que obxectivos se perseguen?

Nos inicios, non había un obxectivo claro, formouse o grupo porque lles encantaba a música e a música folk empezaba a gustar moito. Concretamente, querían poñer en valor a música da terra, pero tocaban por pura afección e ademais somos amigos de toda a vida. Paramos a actividade porque empezamos a ter traballo, a casar… pero éramos todos amigos e decidimos volver a retomar a actividade. Porén, o tempo sempre foi o que foi, xa que o traballo e a familia ocúpanos a maioría do tempo, pero adoitabamos facer dúas ou tres actuacións ao ano, xa que a xente nos pedía que actuaramos. No ano que máis actuamos fixemos seis. Nas festas de verán é cando mais nos chaman pero temos traballo e familia, entón se non estamos traballando, estamos de vacacións coa familia. Nós tocamos por puro gusto e pracer, un día subimos ao escenario pero non podemos dedicarlle máis tempo.

Teñen colaboración do Concello?

A relación co concello é moi boa, contan con nós. En xaneiro xa nos din que empecemos a ensaiar para a Noite do Lume. O ano pasado non tocamos porque non tiñamos dispoñibilidade, pero sempre contan con nós. Hai dous anos fixemos como a despedida, pero logo chámannos e a todos éntranos o gusanillo e imos actuar.

Isto é pura amizade e puro amor pola música galega e non sei fai máis porque non podemos porque require tempo que non temos. Nós costámoslle ao Concello porque o aluguer do son e do palco é moito, pero é que necesitamos eses recursos porque nós temos os nosos instrumentos pero necesitamos algo que o potencie. Ademais, sempre pedimos que o son e a iluminación sexa de Sonacustic de Sarria, xa que Manuel Martínez o xerente, é un dos compositores dalgunhas pezas propias do grupo de folk Eoas, xa que formou parte del durante moitos anos. El coñécenos e sabe que proporcionar para garantir a calidade.

Como é a valoración da xente do grupo de folk Eoas?

Na Noite do Lume do San Xoán somos profetas na terra, a xente gústalle e nós pasámolo pipa. A xente queda sempre contenta, e nós estamos agradecidísimos. A xente e os veciños quérenos e son moi agradecidos. Ademais dos veciños, aos peregrinos tamén lles encanta este tipo de música e fórmase unha festa moi bonita e hai unha comuñón entre o público e nós.

Por todo isto, no futuro queremos seguir sendo amigos todos e seguir cenando xuntos os xoves e tocando xuntos e seguir actuando na Noite do Lume do San Xoán todos os días 23 de xuño.

0.1127610206604