Fillos do século XX

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
De Foliada en Reigada, unha lembranza da provincia e da vinculación das súas xentes coa cultura e coa tradición.
Moncho paz
10 Feb 2022

Por Moncho Paz

Lembro que foi nunha calorosa tarde, a mediados de agosto de 1998. Mentres descansaba no salón da miña casa en Compostela, de súpeto escoitei o teléfono. “Ola Monchiño, son Chao. Acabo de chegar de París con Manu, tras un longo periplo en motocicleta. Estamos gozando duns días en Bastavales e mañá achegareime ata aí para visitar ao meu irmán Pepe e recoller no Hostal a un vello amigo, a ver se podemos vernos sobre ás cinco”. E colgou.

Ao día seguinte, puntual coma un reloxo, presenteime na porta do antigo hospital de peregrinos e inmediatamente divisei a Ramón, en compañía dun home alto e ben plantado; ao detectar a miña presenza, xesticulou co brazo para que me aproximase. A miña sorpresa foi ao recoñecer ao seu acompañante, pois non era outro ca Eduardo Haro Tecglen, o afamado xornalista madrileño. Os seus artigos no diario El País eran para min de obrigada lectura dende os meus anos de estudante na Universidade Complutense. Tras as presentacións oportunas, Ramón -exercendo de mestre de cerimonias- afirmou con rotundidade: “Chameite para que me acompañes a dar unha volta con Eduardo polos xardíns do Auditorio de Galicia, onde esta tarde presenta o seu novo libro, Hijo del siglo. Despois iremos cear algo pola zona vella, a ver se podes reservar mesa para tres no restaurante Camilo”.

Durante a presentación do libro, Eduardo quixo mais ben manter un debate co público ca dar unha conferencia. Unha fórmula que, sen sabelo daquela, adoptariamos tempo despois Ramón e mais eu. Tras sufrir a súa primeira hemorraxia cerebral, como perdía o fío do discurso, pediume que o acompañase por toda a xeografía peninsular cada vez que tiña un acto programado. E así o fixemos durante nove anos consecutivos; pero esta é outra historia.

Aquela tarde de charla foi un verdadeiro agasallo para min. Ramón evocou o comezo da súa amizade con Haro: “Coñecémonos en 1967, cando eu aínda tiña un estatuto especial de colaborador exterior na revista Triunfo. A miña primeira conversa con el foi ao volver de Estocolmo, logo de asistir á entrega do Premio Nobel de Literatura a Miguel Ángel Asturias, a quen acompañara dende París. De regreso na capital francesa, non lembro agora se quedaramos na terraza do Flore, ou na do Deux Magots, en Saint-Germain-des-Prés, pero o certo é que sintonizamos á primeira. Por alí andaban sempre Cortázar, García Márquez, Octavio Paz, Vargas Llosa, Cabrera Infante, Sarduy e outros, cando aínda non eran o boom”.

Eduardo escoitaba a Ramón cun sorriso afable, reflexo da súa mutua simpatía e complicidade. Como novo xornalista, recoñezo que Haro Tecglen impresionoume moito dende o primeiro momento: pola súa exquisita educación, o seu pensamento escéptico e a súa fina ironía. Para romper o xeo, confeseille a miña admiración pola obra do seu fillo Eduardo Haro Ibars, finado prematuramente en Madrid dez anos antes e que me sorprendera co seu libro El polvo azul (Cuentos del Nuevo Mundo Eléctrico), inspirado no estilo de William S. Burroughs. Ao percibir emoción na súa ollada, decidín cambiar de tema, pasar a segundo plano e ser testemuña de excepción naquela tertulia de dous xigantes do xornalismo, a quen admiraba por riba de todo.

Ramón contaba que naquela época ía de París a Madrid dúas ou tres veces ao ano para asistir a reunións de redacción cruciais, “especialmente cando nos aplicaban a lei Fraga, suspendían a revista e había que elaborar estratexias xornalísticas e financeiras para seguir nos quioscos”. Pola súa banda, Eduardo mencionou a súa etapa como correspondente en Francia do diario El Correo Español-El Pueblo Vasco. “Nunha ocasión recibín un aviso do director xeral de prensa, Juan Aparicio, e viaxei a Madrid de inmediato, como era obrigado. Na sala de espera atopeime con Pedro Gómez, que era todo un personaxe naqueles tempos. Chamábanlle Pedrogó porque a xente apagaba a radio cortando o seu apelido cando se anunciaba a transmisión da súa crónica de política internacional. Aglutinaba na súa persoa unha morea de cargos, pois era director da Axencia Efe, conselleiro do ministro de Asuntos Exteriores, profesor da Escola Oficial de Xornalismo, presidente da Asociación da Prensa e director de Hoja del Lunes”.

Haro Tecglen e Chao, homes dunha cultura inmensa, compartían unha mesma visión do mundo, da política e da música. Nunha das entrevistas que me concedería Ramón anos despois en París, aínda tiña referencias para o seu amigo, falecido en 2005: “A Eduardo débolle a práctica da escritura oblicua, técnica indispensable para burlar á censura e que trato de seguir aplicando, porque me parece moito máis eficaz que a directa”. Segundo Chao, Haro nunca se metía con ninguén nos seus artigos, senón que comentaba temas internacionais e, de esguello, enfocaba a actualidade española. Por exemplo, cando falaba dun xeneral que organizaba eleccións democráticas (De Gaulle), os intelixentes lectores das súas crónicas sabían que se refería a outro xeneral (Franco).

Chao Rego e Haro Tecglen foron dous xenios, dous grandes mestres do xornalismo cultural que nunca esquecerei. E aos que estarei eternamente agradecido, pola súa actitude de compromiso, a súa bondade e a súa xenerosidade.

0.1501259803772