Friolfe acollerá a II Festa da Xuventude e a súa primeira Ruta Cabalar conxunta

A parroquia de Friolfe, no concello do Páramo, será o escenario este sábado, 25 de outubro, da II Festa da Xuventude e da súa primeira Ruta Cabalar organizada de forma conxunta. A Xunta colabora no desenvolvemento destas dúas citas, que se celebran por primeira vez de maneira coordinada.
O delegado territorial en Lugo, Javier Arias, presentou o evento acompañado de Iván López, en representación da asociación veciñal San Xoán de Friolfe, organizadora da festa xunto ao colectivo Pica e Terma, encargado das actividades ecuestres.
A celebración comezará ás 10.30 horas coa ruta cabalar, na que os participantes partirán do campo da festa de Friolfe e realizarán un percorrido de uns 15 quilómetros polo municipio. O itinerario pasará polos núcleos de Guisande, Villaeiriz, Cendoi, A Veiga, Piñeiro, o campo da feira da Páramo e San Martiño, antes de regresar a Friolfe sobre as 14.00 horas. Preto de 60 persoas xa confirmaron a súa participación na actividade.
Durante a tarde, a programación festiva continuará na parroquia paramesa cun xantar de confraternidade e unha sesión de tardeo con animación musical. A xornada rematará coa tradicional verbena, na que actuarán as orquestras Punto Clave e Cinema. O campo da festa estará cuberto cunha carpa para garantir a continuidade do evento.