Fruga critica a obriga imposta pola Xunta de estabular os becerros de mais de 8 meses
Recentemente vense de aprobar unha modificación regulamentaria do Consello Regulador de Ternera Gallega, que afecta de forma directa a todo as explotacións que producen baixo a categoría de Ternera Gallega Suprema.
Segundo explica Fruga, estes cambios normativos, obrigados por unha resolución da Axencia Galega de Calidade Alimentar (Agacal) e publicada no DOG, implican principalmente a obriga de encortellar os xatos cebados acollidos a esta categoría. Esta medida vai afectar de unha maneira especial a todas as explotacións que optaran por un manexo extensivo da súa cabana ao verse obrigadas a acometer investimentos para dar cumprimento á mudanza do regulamento de Ternera Gallega Suprema que obriga a estabular os animais de máis de 8 meses durante dous meses ou agrupalos en recintos pechados.
"O efecto negativo que esta obriga pode ter sobre as explotacións extensivas pode beneficiar aos cebadoiros industriais, de tal maneira que as explotacións extensivas ao ver-se obrigadas a acometer estes investimentos decidan vender antes os seus becerros que loxicamente iran engordar as explotacións de cebo industrial", din.
"Dalgunha forma, con esta mudanza imposta pola Consellería do Medio Rural (Agacal), estase a cumprir o acordo do sector cárnico asinado no ano 2022, amparado pola Consellería do Medio Rural. Acordo que a Federación Rura Galega (Fruga) non asinou, no cal se dicía que as explotacións tiñan que adaptar a súa produción as necesidades da industria", engaden.
Fruga considera que estes cambios poñen en perigo a categoría da Suprema, tendo en conta que as gandarías que actualmente se dedicaban a produción tradicional, poden preferir vender as súas reses nos primeiros meses de vida, renunciando o seu remate. "Estes xatos van ser engordados nos cebadoiros da agro-industria cárnica galega, aumentando considerablemente a produción de tenreira galega Normal, e utilizando a Suprema como simple marketing para favorecer a comercialización doutras categorías da IXP", din.
"A día de hoxe, xa observamos como algunha denominación de orixe cárnica limítrofe con Galiza, está a acadar prezos superiores aos que se dan na nosa terra, algo insólito tendo en conta que TG sempre foi pioneira tanto en prezos, como en volume no conxunto do Estado español", afirma.
Fruga considera que o futuro da produción de carne de Suprema en Galiza, non pasa por pór dificultades aos gandeiros e gandeiras que utilizan sistemas de manexo en extensivo, senón que pasa por darlles facilidades e favorecer a través das campañas de promoción a súa diferenciación clara e contundente con respecto as producións de carácter agro-industrial. "E desde logo, a propia Consellería ten que rectificar esta medida a pesares do peso que teñen determinadas portas xiratorias que a día de hoxe están en certas industrias galegas".
"Ao mesmo tempo vemos como hai unha baixada dos prezos considerable, algo que deriva de stocks na produción de suprema. Cando fai uns meses a xunta de Galiza, anunciaba a posta en marcha dunha axuda de 200 euros para os xatos de Suprema, algo que desde Fruga xa advertimos que esa subvención entraría na conta corrente das explotacións, pero o gran beneficiado sería a industria, que pagaría menos polos xatos, co cal a axuda parece que vai mais destinada os matadoiros que os gandeiros", conclúen.
Rematan dicindo que a Consellería do Medio Rural, ten que tomar cartas no asunto, "é preciso facer unha política acorde coas necesidades das gandarías galegas de carne, que contribúen de forma decisiva a manter a actividade agro-gandeira en moitas comarcas do país, e como total son a mellor forma de ter un medio rural vivo e activo".