Gaiteiros de Goián: “O noso obxectivo é tocar xuntos e ensinar como era a música e a roupa tradicional”
Por Jessica Fernández
Por que xorde a asociación?
Xorde arredor do 2013 porque nós, os catro que formamos a Asociación, eramos xente inquieta que quedabamos para tocar. Xuntabámonos e acababamos tocando música tradicional nos bares.
Ademais de tocar, tiñamos unha inquedanza sobre a temática da música tradicional e todo o que ía relacionado, como a vestimenta. A min sempre me pareceu que todo canto vías era unha fachada, porque o material e moitas cousas dos traxes tradicionais non existían antes da revolución industrial. Por exemplo, ver as pequenas coas pedras e roupa negra, iso non existía antes, polo que quixemos ir máis aló e montamos unha asociación para ensinar como se vestía a xente de verdade antigamente.
O noso traxe está baseado en teas naturais, como o liño, e levamos zocos... Tamén reproducimos pezas antigas que foron aparecendo na comarca de xente que as gardou. Así, levamos polainas e pantalóns de estameña, que é un tecido de la de ovella con serda de animal. Pica e todo. Temos unha costureira que é unha estudosa do traxe tradicional e así construímos as traxes.
Por outra banda, levamos os calzóns longos, que se chaman cirolas e a camisa de liño, máis o chaleco coa estopa e a estameña. As polainas son da Bretoña, que apareceron en Meira. Os pantalóns son reproducións que miramos do 1800 e pico nas feiras dos pobos.
Que obxectivo ten?
O obxectivo é poder tocar xuntos porque se nos daba ben, e ademais ensinar como era a música e as roupas daquela, como parte da cultura da tradición galega.
Nós somos un cuarteto tradicional formado por dúas gaitas, un tambor e un bombo, pero unha vez chegamos a ser un sexteto, engadindo un acordeón e un saxofón ou clarinete. Así, imos tocando onde nos chaman arredor da provincia de Lugo e xuntámonos con máis xente como nos Cantos de Taberna.
Como evolucionou a asociación desde o principio a agora?
Eu penso que agora mesmo xa nos coñece todo o mundo na comarca, pero esa é a única evolución, xa que a musica tradicional é a que é, entón non evolucionamos moito e tampouco queremos. Hai grandes xenios como Carlos Nuñez que fan cousas moi innovadoras, pero un cuarteto de toda a vida tradicional, baseado na época de 1800 e pico non pode innovar moito. Somos o que somos.
Que actividades se organizan?
Como asociación, organizamos as sopas de allo e pouco máis. Logo tamén nos chaman do Concello para tocar en eventos públicos, como a Feira de San Isidro ou participar dun pasacalles no San Xoán e tamén tocamos moito para nós porque si, ensaiando e tocando. Reunímonos unha vez cada semana e pasámolo ben.
A nosa maior actividade consiste en amosar a música tradicional e mostrar o noso traballo, podemos aprender cancións novas pero baseadas no antigo, damos a coñecer a música tradicional e os traxes daquela época.
Era necesaria unha asociación deste tipo na parroquia?
Importante sempre é. Nós fixemos a asociación aquí porque eu son de Goián e tirei por isto porque tiña a miña casa, quedamos aquí moitas veces, outro dos compoñentes ten familia de Goián... Ademais, a asociación ten o seu centro cultural aquí, hai que dinamizar a parroquia, aínda que por desgracia o sitio onde estás ás veces é onde menos te valoran.
A festa das sopas de allo, con que motivación xurdiu?
Queriamos facer un evento noso, porque queriamos xuntar a familia e amigos. Eu teño a sorte de comer sopas de allo porque as fai a miña nai, e a receita da festa está baseada na da miña nai. Ademais, antes comíase moito e agora non a hai en ningún sitio, polo que o propuxen e, despois de que os meus compañeiros a probaran, xurdiu a festa, que se fixo en 2018 e 2019 e agora recuperouse trala pandemia no 2024. A pandemia da covid afectounos moitísimo: non tocamos en ningún lado ata que pasou todo, e iso fixo que perderamos a facilidade para tocar.
Que proxectos teñen no futuro?
En principio, seguir como ata o de agora, organizando esta festa e tocando polas rúas. Hai algo que se perdeu e que é moi bonito que son as alboradas que se tocaban pola mañá polos pobos, espertando a xente para empezar a festa diante da súa casa. É unha parte das festas que se perdeu.
Teñen algunha axuda de administracións?
Chamáronnos moitas veces para tocar e pagáronnos, pero nós concretamente non pedimos nada, ningunha axuda, porque non somos unha escola de ensinanza, entón non pedimos nada, que nos parece abusivo. Nós compramos todo o material, e entre os traxes e os instrumentos, en total, deixariamos uns 10.000 euros. É moito esforzo.