Galicia únese a Asturias, Cantabria e Castela León para loitar contra a lei de protección do lobo

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Galicia únese ao resto de comunidades lobeiras para facer fronte unido á lei de protección do lobo, mentres comezan as distintas actuacións.
lobo 1
22 Sep 2021

Galicia únese ao resto de comunidades lobeiras para facer fronte unido á nova lei de protección do lobo, mentres comezan as distintas actuacións para loitar contra ela como son os recursos xa que a decisión do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico deixará sen efecto os plans de xestión da especie aprobados por cada comunidade.

Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León, as catro comunidades que aglutinan o 95% dos lobos de todo o país, seguirán traballando xuntas para tentar deixar sen efecto a orde do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico publicada hoxe no BOE para incluír todas as poboacións de lobo na Listaxe de especies silvestres de protección especial (Lesrpe).

Deste xeito, as catro comunidades lobeiras manterán a fronte común coa que no último ano tentaron que o Goberno de Estado dera marcha atrás na súa intención de incrementar o nivel de protección do lobo ao norte do río Douro.

Como primeiro paso tras a publicación da orde do Ministerio, os conselleiros con competencias na materia de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León convocaron ás organizacións profesionais agrarias nacionais para falar do impacto que terá a medida para o sector e valorar posibles liñas conxuntas de actuación.

RECURSO

Por parte da Xunta de Galicia recurrrirase ante os tribunais a orde ministerial pola que se inclúe o lobo ibérico na Listaxe de especies silvestres de protección especial (Lesrpe) e pedirá que se adopten medidas cautelares de suspensión que paralicen súa eficacia ata que haxa un pronunciamento final da xustiza.

Esta decisión, segundo explicou a conselleira, “non se ampara en ningún estudo científico” e afectará de forma directa a Galicia, unha das principais comunidades lobeiras de España xa que xunto a Asturias, Cantabria e Castela e León aglutina o 95% dos exemplares de lobos de todo o país.

“Estamos ante unha medida que nos causa sorpresa, frustración e indignación. É moi triste que por parte dun Ministerio non haxa diálogo coas comunidades que ao longo de moitos anos tivemos os nosos plans específicos de protección do lobo”, declarou Ángeles Vázquez, despois de lembrar que onte mesmo estivo nas illas Cíes co ministro de Agricultura, Luis Planas, e o secretario de estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, e ningún deles quixo falar da situación do lobo.

Neste sentido, lembrou que a Xunta leva anos xestionando as poboacións desta especie en solitario e con éxito, como demostra o feito de que desde 2009 conta cun plan de xestión propio grazas ao cal logrou garantir durante máis dunha década un equilibrio perfecto entre a protección destes animais e á vez, a dos gandeiros.

Sen embargo, a conselleira sinalou que, a partir de agora, “a potestade” que tiñan as comunidades e os seus plans de xestión “decaen” e por tanto, “os gandeiros e a xente que vive no rural quedan nunha situación moi delicada”.

Neste sentido, recalcou que a orde sinala que a súa entrada en vigor “non suporá o incremento dos recursos humanos e económicos” por parte do Estado, algo que “carece de sentido” cando a partir de agora as comunidades xa non poderán adoptar determinadas medidas para o control e xestión do lobo nos seus territorios e, por tanto, tampouco terán o deber de asumir os custos dos danos.

Deste xeito, no seu recurso contencioso-administrativo —no que actualmente traballan os servizos xurídicos da Consellería—, Galicia esixirá que se adopten medidas cautelarísimas de suspensión da orde, co fin de paralizar a súa eficacia práctica ata que exista un pronunciamento definitivo por parte da xustiza.

PP DE LUGO

Mentres tanto, o PP de Lugo aplaude a decisión da Xunta de recorrer ante os tribunais a prohibición de cazar lobo e estuda sumarse a estas reclamacións e afirma que “as decisións do Goberno central e do Partido Socialista son claramente prexudiciais para a provincia” e evidencian, engade, “a carencia total e absoluta de peso político de Concellos como o de Viveiro, deixándoos en descuberto e nunha situación incomprensible”.

FRUGA

Desde a Federación Rural Galega – FRUGA afirman que "coincidimos coa posición defendida pola señora conselleira de Medio Ambiente en reivindicar capacidade para lograr un equilibrio entre a actividade agropecuaria e a prevención do lobo, mas no que non podemos estar de acordo é que para chegar a este equilibrio se pretenda delegar a súas competencias nas entidades privadas de caza, cando estas entidades están organizadas para practicar unha afición que comparten, e polo tanto non teñen entre os seus cometidos responsabilidades que competen exclusivamente ás administracións, polo que non parece serio pretender facer recaer sobre elas a responsabilidade de manter o desexado equilibrio".

"Reiteramos novamente que pretender facer recaer sobre as sociedades de caza o control do lobo pode polarizar aínda máis a sociedade entre defensores e detractores da caza, cousa que unha gobernante ou dirixente nunca pode, nin debe facer. Desde a FRUGA queremos facer un chamamento para non caer nesta trampa e procuremos puntos de encontro, partindo de que os custes da conservación do lobo non pode recaer sobre as costas dos sectores gandeiros, senón que terá de ser responsabilidade de toda a sociedade", engaden.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14042901992798