'Galiza. Un pobo, unha selección' estará en Sarria ata o 3 de marzo
Sarria acolle ata o próximo 3 de marzo a mostra “Galiza. Un pobo, unha selección”, organizada por Vía Galega coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A exposición, localizada no Chanto, a carón da piscina cuberta da localidade, sendo Sarria o primeiro dos destinos nos que se presentará nos vindeiros meses ao longo da provincia.
A exposición, que consta de 20 paneis inseridos en estruturas metálicas deseñadas para exterior, repasa a historia do deporte galego, afondando na participación de deportistas do país nos Xogos Olímpicos, na traxectoria das seleccións galegas e na mobilización social arredor do dereito de Galicia a participar con equipos propios en competicións internacionais.
No acto de inauguración, no que tamén estivo presente o concelleiro de deportes de Sarria, Félix Seijas, o deputado Efrén Castro subliñou “a importancia de que este proxecto se difunda por distintos puntos da provincia, e que a xente poda atopar un anaco da historia do noso deporte na rúa”. Ademais, aproveitou para agradecer a boa acollida e desexou “que sexan moitas as persoas que se interesen polo contido destes paneis para divulgar o papel fundamental do deporte galego”.
“Galiza. Un pobo, unha selección” está estruturada en diferentes bloques temáticos. O primeiro deles, centrado no dereito a competir, repasa a loita a prol das seleccións deportivas galegas, o peso de Seareiros Galegos desde o seu nacemento nos 90 e a situación de Galicia no mundo deporte, sen representación, en contraposición co que sucede con outras nacións sen Estado que si compiten internacionalmente como Escocia ou Gales.
A selección galega de fútbol é a protagonista do segundo bloque temático, no que se repasa a súa traxectoria desde que disputara o primeiro partido, en 1922 en Vigo ata o día de hoxe, e no que se glosa os logros dos mellores equipos e xogadores do pais, desde o Balón de Ouro Luís Suárez ata Iago Aspas.
O fútbol gaélico tamén protagoniza un dos paneis expositivos, por ser o único deporte no que Galiza compite oficial e internacionalmente propia. Tamén contan con espazo na exposición outros deportes minoritarios nos que Galicia acumula éxitos como o squash, o boxeo, o taekwondo, a loita libre, o tiro con arco ou o xadrez.
A mostra inclúe tamén un panel que repasa o desempeño de deportistas de Galicia nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos, desde os Xogos de Amberes en 1920.
A muller e a súa loita pola igualdade tamén contan co seu propio bloque temático, con lendas do pasado como Irene Basanta ou Xulia Vaquero e representantes do presente como Raquel Carrera, Belén Toimil, Ana Peleteiro ou Julia Benedetti.
O triatlón, os deportes acuáticos ou o ciclismo contan tamén con cadanseu bloque temático. Os deportes tradicionais tamén teñen o seu espazo con paneis nos que se bota luz sobre disciplinas propias de Galicia como a billarda, a chave, a loita galega ou os bolos celtas.
Por último, a exposición tamén afonda na calidade do deporte e deportistas de Lugo, nas disciplinas máis descoñecidas e minoritarias e no mundo do motor.
ITINERANCIA
Tras a súa exposición en Sarria poderá verse en Monforte, Chantada, Vilalba, Viveiro, Foz, Ribadeo, Barreiros e Valadouro.
A mostra forma parte dunha campaña en favor das seleccións deportivas galegas que está a desenvolver a plataforma Vía Galega, que integra máis de 60 colectivos sociais, culturais e deportivos. Ademais da propia exposición, q campaña inclúe a edición de publicacións divulgativas, vídeos promocionais e palestras en diferentes localidades de Galicia.