García asume a coordinación política-administrativa coas agrupacións locais do PP
O vicevoceiro do Grupo Provincial do PP, José Antonio García, comezará a desenvolver tarefas de coordinación e asistencia política-técnico-administrativa ás agrupacións locais, dentro do Comité Executivo que preside Elena Candia. Deste xeito, o popular ven de renunciar no día de onte á acta de deputado provincial para dedicarse a este cometido, que será clave de cara ás vindeiras eleccións municipais.
Desta maneira, será o portavoz do partido en Samos, José Fernández, quen asuma este compromiso e releve na metade do mandato ao sarriao José Antonio García.
A presidenta provincial deposita así no sarriao a súa "máxima confianza", pois a nova responsabilidade que asume conleva unha importante dedicación e carga de traballo. Neste senso, José Antonio García agradece á dirixente provincial o apoio depositado na súa persoa, abríndose con elo unha nova etapa para o vicevoceiro na Deputación. “É unha nova tarefa coa que me comprometo, e fágoo ilusionado. Pretendo ser o enlace que precisan sobre todo aquelas agrupacións que teñen menos recursos para facer oposición e poder cambiar os gobernos actuais, dirixidos polo PSOE e o BNG”, afirma.
García quere ter tamén un recoñecemento público para todo o Grupo Provincial, e que vai dende a propia Candia no seu momento, ata o voceiro actual, Javier Castiñeira, como aos deputados e ao persoal do Gabinete. A este respecto, destaca o traballo que se está a facer a nivel provincial da man do portavoz Castiñeira. Precisamente, deste último destaca “a súa capacidade para traballar en equipo e de escoita permanente, como así se demostra na súa actividade diaria cos compañeiros, alcaldes, voceiros e veciños”.
Coa decisión de García dáse cumprimento tamén a un compromiso orgánico, asumido ao inicio do mandato, e que existía na comarca de Sarria. Como presidente do PP local, anuncia que tamén acordou con Elena Candia abrir unha programación de traballo máis intensivo para reforzar e renovar a estrutura da agrupación local de cara aos comicios de 2023; data para a que a formación popular se marca "recuperar a alcaldía e poñer fin á parálise na que este municipio está inmersa a consecuencia do goberno independente de Claudio Garrido".
Neste senso, avanza que tamén “iniciaremos un período de reflexión e consultas na nosa formación e no que estou disposto a dar un paso atrás pero, por suposto, seguirei traballando no Partido local e provincial”.