Geni Valcárcel, concelleira de Sarria: "A programación do VibraXoán representa unha aposta firme pola variedade"

O Concello de Sarria e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo presentan VibraXoán, unha proposta musical que se consolida nas festas de San Xoán e que este ano incorpora nomes de gran proxección como Sidonie, así como o talento local de Sound Sisters e Louband, ademais da festa itinerante de La Duendeneta.
A presentación do cartel tivo lugar coa presenza do vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, da concelleira de Festas, María Eugenia Valcárcel, do concelleiro de Cultura, César No e da concelleira Mónica López.
Geni destacou que “agradecemos o apoio da Deputación de Lugo para facer realidade un evento coma este, que converte o noso municipio nun punto de encontro para amantes da música e da cultura, nun ambiente aberto e festivo para todas as idades. A programación do VibraXoán representa unha aposta firme pola variedade, a calidade e a convivencia, con propostas que van dende o pop máis consolidado ata a música local, ofrecendo unha noite chea de ritmo, identidade e celebración”, sinalou Valcárcel.
Pola súa parte, Efrén Castro valorou “a variedade musical que o programa engade ao San Xoán, dando maior proxección a unhas festas con moita tradición que son un referente máis aló de Sarria e da comarca” e destacou que “este ano reforzamos a colaboración co Concello para a organización deste programa musical cunha achega de 25.000 euros, que se suma ao apoio que desde a área de Cultura se ofrece ao tecido asociativo de Sarria na organización de actividades culturais e lúdicas ao longo de todo o ano”.
O Concello tamén quixo poñer en valor un programa musical completo e ambicioso, con concertos gratuítos e abertos a toda a cidadanía, que terá lugar o sábado 21 de xuño no campo de rugby de Sarria a partir das 21:00 horas.