Goián celebrará as súas festas na honra ao Santo Cristo do 6 ao 8 de setembro

SarriaXa
O programa inclúe ruta cabalar, churrascada, música en directo, misas solemnes, procesións e verbenas con orquestras
parroquia-de-Goián
16 Aug 2025

A parroquia de Goián, no concello de Sarria, prepárase para celebrar as súas festas patronais na honra ao Santo Cristo entre os días 6 e 8 de setembro cun amplo programa de actividades que mestura tradición, gastronomía e música.

A celebración arrincará o sábado 6 coa ruta cabalar, que sairá ás 16:30 horas do campo da feira de Sarria nun percorrido marcado no que cada participante se fará responsable dos posibles danos ocasionados polo seu cabalo. As inscricións poderán formalizarse ata o 2 de setembro. Xa pola noite, ás 21:30 horas, terá lugar unha churrascada e queimada amenizadas polo dúo En Clave de Ti.

O domingo 7 haberá misas desde ás 08.00 horas e a misa maior será ás 13:00 horas cantada pola Coral Polifónica Xolda e procesión posterior. Durante o día, a música estará a cargo da orquestra Alabama, que ofrecerá a sesión vermú, e pola noite, a partir das 22:00 horas, a festa e verbena contará coas orquestras Alabama e La Florida Band.

Ademais, a Pulpería Susana e Javier prestará servizo durante toda a xornada e haberá un sorteo dun xamón entre os asistentes aos eventos no campo, incluída a polbería.

O luns 8 celebrarase a misa maior ás 12:00 e 13:00 horas seguida de procesión, para continuar coa sesión vermú da orquestra Casablanca. A festa de peche será a partir das 22:30 horas coa verbena de Casablanca e, ao rematar, repartirase chocolate con churros entre o público. Durante esta última xornada tamén se realizará o sorteo de tres lotes de produtos valorados en 300 euros.

O evento está organizado pola comisión de festas de Goián co apoio da veciñanza e a colaboración da Deputación de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.17864084243774