Goián celebrou a tradicional festa de San Miguel coa participación de oitenta veciños

A parroquia de Goián, en Sarria, celebrou un ano máis o día do seu patrón, San Miguel. O encontro tivo lugar o domingo 28 de setembro, cando veciños e visitantes volveron reunirse arredor dunha tradición que mantén vivo o espírito comunitario.
A xornada comezou cunha misa solemne ás doce da mañá e continuou cunha animada sesión vermú. O momento central da festa foi a comida de confraternidade na antiga escola, onde un total de oitenta persoas, entre veciños e amigos, gozaron dun menú preparado pola pulpería Susana e Javier.
A música correu a cargo do Dúo La Gira, que puxo o ritmo a unha celebración marcada pola amizade e o reencontro.