Valentín González Formoso presenta dez propostas “para sumar e avanzar” no PSdeG

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
González Formoso dixo: “vimos de celebrar o Congreso da unidade e parece que algún compañeiro volveu de Valencia sen entender a mensaxe”.
entrega avais valentin formoso 2
20 Oct 2021

O candidato á Secretaría Xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, anunciou hoxe, mércores 20 de outubro, a presentación de dez propostas para sumar e avanzar, dez medidas que centrarán a súa campaña durante os dez días que restan ata a votación das Primarias que terá lugar o próximo 30 de outubro.

Entre estas destaca, como xa anunciara, o compromiso de que os procesos de Primarias se celebren “con tempo suficiente para que calquera compañeiro ou compañeira poida presentar as súas propostas e alternativas, facilitando a participación de calquera militante que queira mellorar o partido e Galicia”. “Non volverá a haber unhas Primarias a medida do Secretario Xeral”, afirma Formoso.

Valentín González Formoso destacou que “este conxunto de medidas incide na mellora da participación, a reconexión coa sociedade, o emprego e a industria como eixos prioritarios a aposta pola igualdade, a recuperación do talento e a defensa dos intereses de Galicia”. Entre estas destacan a convocatoria dunha conferencia política anual para elaborar propostas estratéxicas para Galicia, que permitirá poñer o talento da militancia socialista á disposición do país e onde o emprego e a industria centrará boa parte da acción política do PSdeG.

Ademais, o candidato aposta pola elaboración dun Plan de Revitalización e Fortalecemento do PSdeG, co obxectivo de impulsar o crecemento do número de militantes nas agrupacións socialistas de Galicia, a posta en marcha dunha Coordinadora Nacional de Organización, o fortalecemento dos equipos de Apoio e Asesoramento Xurídicos e Urbanísticos e a creación de, polo menos, 10 grupos sectoriais de traballo nos que participarán militantes, simpatizantes e profesionais de diferentes sectores para elaborar propostas en distintas áreas (sanidade, educación, políticas sociais, feminismo e igualdade, innovación, infraestruturas, transición ecolóxica...).

Comprométese a elaborar unha proposta de Carta de Servizos á Cidadanía a implementar na Xunta de Galicia cando o PSdeG goberne, e que previamente se presentará no Parlamento de Galicia, e a constituír, nos primeiros seis meses de mandato, o Consello Nacional de Política Municipal, onde terán cabida alcaldesas e alcaldes así como portavoces na oposición, co obxecto de coordinar as políticas locais.

Un dos principais obxectivos de Formoso é o de conseguir que volva todo o talento de miles de mozas e mozos que tiveron que emigrar na busca de oportunidades laborais e para iso elaborará un Plan de Retorno do Talento Galego, que incluirá o fomento dun entorno de coñecemento e oportunidades para que Galicia poida aproveitalo.

Entre o resto de medidas deste decálogo para sumar e avanzar atópanse a aprobación dun Manifesto Socialdemócrata e Galeguista do Socialismo Galego, a posta en marcha dunha mesa de análise para elaborar unha proposta sobre o ‘Novo modelo de financiación autonómica’, o establecemento dunha alianza estratéxica cos sindicatos de clase ou o deseño dunha estratexia nacional de igualdade no PSdeG.

PRESENTACIÓN DA CAMPAÑA

Valentín González Formoso presentou, a 11 días da celebración das Primarias á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE, o lema da súa campaña: Sumar para avanzar. “É máis que un lema, é toda unha declaración de intencións porque representa o modelo de partido que queremos: un PSdeG que “conte con todos e todas e que aspire a gobernar Galicia”.

“Vimos de celebrar o 40 Congreso do PSOE que foi o da unidade, o do positivismo, o do refrendamento do proxecto socialista e do que saímos máis fortes que nunca”, explicou González Formoso, que subliñou que “ese mesmo modelo, ese espírito, é o que nós queremos para o PSdeG e para Galicia e por iso coincide co noso lema”.

O candidato destacou que “o discurso unánime desta fin de semana por parte de todas as federacións, do presidente do goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, e dos anteriores presidentes socialistas foi o da unidade, o do respecto interno para que nos respecten no exterior” e engadiu que “parece que algún compañeiro volveu de Valencia sen entender en absoluto a mensaxe que alí se lanzou”.

“Nós neste proceso imos seguir falando respectuosamente, confrontando proxectos, non persoas nin compañeiros porque o día despois das Primarias seguiremos sendo compañeiras e compañeiros” afirmou González Formoso, que expresou a súa intención de “sumar, integrar e contar con todo o talento que ten o Partido Socialista incluso con aqueles que pretenden restar ou dividir no proceso de Primarias”.

Valentín Formoso incidiu en que “os socialistas do século XXI non falamos nin de baronías nin de conceptos doutras épocas, falamos de políticas progresistas nas institucións nas que nos toca representar o ideario socialista naqueles lugares onde, no goberno ou na oposición, os compañeiros e compañeiras somos quen de levar a cabo políticas activas de emprego, de preocuparnos da protección social dos máis vulnerables, e de facer políticas onde nos orzamentos anuais se denote que somos socialistas, que somos progresistas, e non simplemente atender a clichés que no século XXI non conectan nin co partido nin coa ampla maioría da sociedade galega”.

Formoso reivindicou a importancia das Primarias do 30 de outubro, que “dan voz á militancia”. “Eu tamén son fillo das Primarias, escollido maioritariamente polas compañeiras e compañeiros da provincia da Coruña, non hai que ter medo a un sistema que está no ADN democrático do socialismo”, rematou.

Valentín González Formoso manterá esta tarde un encontro coa militancia de Pontevedra a partir das 19:30 horas na Casa das Campás (Rúa Don Filiberto, 9).


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.098628044128418