Haberá campamento de verán en Samos grazas á organización da Anpa
A Anpa do Ceip Samos vai organizar finalmente o campamento de verán para nenos e nenas do municipio despois de que o rexedor en funcións, Julio Gallego, deixara de pedir a axuda á Xunta para poder desenvolver esta iniciativa.
Así, os representantes dos pais e nais do centro educativo asumirán os custos da organización do campamento previamente, mentres piden a axuda Concilia da Xunta, que se lle adxudixará en vindeiras datas, polo que eles mesmos se farán cargo da preparación das actividades co seu diñeiro persoal.
Xa teñen un grupo de 12 nenos e nenas de entre 6 e 11 anos cuxas familias mostraron interese por apuntarse a este campamento, que terá lugar en xullo e en agosto. Para o mes de agosto aínda hai prazas dispoñibles, pero para o mes de xullo non, xa que será unha monitora de Samos a que se encargue de amenizar as mañás dos nenos e nenas de Samos "e entre 12 e 15 nenos é unha boa ratio para unha persoa", explican.
As actividades desenvolveranse nas instalacións do centro educativo de Samos, de 09.00 a 15.00 horas, aínda que tamén farán algunha actividade diferente, como unha excursión ata o Mosteiro de Samos.