Héctor Corujo afronta o seu segundo mandato no Incio

SarriaXa
Héctor Corujo afronta o seu segundo mandato con maioría absoluta no Incio despois das eleccións municipais de 2023
PP Incio
6 Jun 2023

A pesar dos esforzos de Carme Aira, cabeza da lista do BNG no Incio, non conseguiu ningún concelleiro na corporación municipal

O Incio continúa a ser un municipio no que o Partido Popular aumentou o seu poder en detrimento do Partido Socialista e o BNG.

Das 1,403 persoas censadas no municipio, 1.208 foron as que se animaron a botar a papeleta na urna, o que supón un 86,10 %, e desas, 673 elixiron a bandeira azul, mentres que 436 optaron pola vermella. Do resto, só 90 persoas apostaron polo partido nacionalista.

Estes datos tradúcense nun aumento dun concelleiro para os populares con respecto aos comicios do 2019, cando obtiveron 5 concelleiros e este ano teñen 6. Este aumento fixo que caeran os concelleiros dos socialistas en 3.

Héctor Corujo, que encabeza a lista do Partido Popular e que afrontou nesta lexislatura o seu primeiro mandato, obtivo así a maioría absoluta, que estaba nos 5 concelleiros, coa que fará fronte a estes catro novos anos de proxectos, entre os que destaca “consolidar ao concello como referencia nas políticas de desenvolvemento rural”.

Por outra banda, e de cara ao próximo mandato, Corujo explicou que aplicará o convenio firmado coa Fundación Uxío Novoneyra para desenvolver, con fondos europeos, un proxecto para dar capilaridade aos Camiños de Santiago.

CONCELLEIROS ELECTOS

  • Héctor Manuel Corujo González PP
  • Ramon Dositeo Mourelo López PP
  • María Mayra Freán Freán PP
  • Antonio Rodríguez López PP
  • Goretti Diaz Armesto PP
  • Sandra Fernandez Gandoy PP
  • Laura Celeiro García PSOE
  • José Amador Rodríguez López PSOE
  • Iria López Rodríguez PSOE

O aspirante popular a repetir na Alcaldía asegura: “Imos colocar O Incio no mapa do turismo” e asegura que se avanzará na mellora dos saneamentos, das traídas de auga e da rede de estradas municipais.

Pola súa parte, Laura Celeiro, cabeza da lista do PSOE e ex alcaldesa do Incio desde 2011 ata 2019, quen sostivo que “na etapa na que os socialistas gobernamos o Concello do Incio, impulsamos proxectos como a Ruta do Mamut e dos Castros, un proxecto que naceu para dar a coñecer o noso seu patrimonio paisaxístico e histórico”, polo que o seu obxectivo era recuperar a Alcaldía, feito que non conseguiu.

Con respecto ao BNG, a candidata Carme Aira sostivo que “foi imposible entrar porque a polarización favoreceu ao alcalde e nese escenario quedamos fóra de xogo”. Porén, séntense orgullosos de facer “unha campaña limpa, estupenda, percorremos polo menos un par de veces todos os lugares do concello e, en resumo, un bo traballo con pésimos resultados”.

Así, sostivo que “polo que a nós respecta, seguiremos a traballar polo Incio dende o lugar no que a veciñanza nos puxo e a meta é manter activo o grupo, seguir en contacto coa poboación e dentro de 4 anos seguir intentándoo”.

incio 2019 2023
0.15926194190979