Héctor Corujo, alcalde do Incio, di que na vindeira lexislatura avanzará no asentamento da poboación

SarriaXa
Héctor Corujo, alcalde do Incio, di que na vindeira lexislatura avanzará no asentamento da poboación nun acto con Francisco Conde
Mitin PP O Incio
16 Maio 2023

Héctor Corujo, alcaldable polo Partido Popular á Alcaldía do Incio reuniuse co vicepresidente da Xunta de Galicia, Francisco Conde, para repasar as iniciativas realizadas durante o último mandato e poñer en valor o traballo do equipo de goberno e do seu proxecto político.

Agradeceu a Conde a súa visita e puxo de manifesto que un dos grandes obxectivos para os próximos catro anos é consolidar ao concello como referencia nas políticas de desenvolvemento rural.

Neste sentido, Corujo resaltou que o seu equipo se fixo cargo do gasto que producían dous servizos: o abastecemento de auga e o alumeado público. Con respecto a este último, indicou que grazas a substitución das vellas luminarias por leds a factura polo alumeado público é a día de hoxe un 40% do que era entón. En canto ao abastecemento de auga, di que coas medidas programadas confía en reducir o custo ao 50%.

Noutra orde de cousas, destacou tamén a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) despois de máis dunha década de trámites que terá unha incidencia positiva no concello. Este plan reduce en dous tercios o solo de núcleo rural, crea unha segunda área industrial e contempla un céntrico espazo para equipamento e zona verde.

Ademais, outro dos obxectivos de Corujo foi o achegamento de máis servizos aos veciños e veciñas de O Incio e, no próximo mandato, explica, manterá esta liña de traballo e avanzará no asentamento da poboación, a mellora dos saneamentos, as traídas de auga e a rede de estradas municipais.

Pola súa banda, Francisco Conde confiou en que Héctor Corujo vai revalidar a confianza dos veciños e veciñas do Incio para seguir dando resposta ás necesidades do municipio. Tal e como explicou, "O Incio precisa seguir nesta senda para contar cun rural vivo, con alternativas industriais, investimentos e novas empresas, así como para captar oportunidades para o emprego e o emprendemento".

0.17964196205139