High Paw é a sétima confirmación do Tremeterra Fest do Incio

SarriaXa
High Paw é a sétima confirmación dos organizadores do Tremeterra Fest, que estará xunto a Baboon Prophecy o 30 de agosto.
High Paw
8 Maio 2024

High Paw é a sétima confirmación dos organizadores do Tremeterra Fest, que estará xunto a Baboon Prophecy o 30 de agosto. Esta é unha vocalista e compositora viguesa recoñecida na escena polo seu enfoque único de facer reggae en galego. As súas letras reivindicativas abordan problemáticas locais como o auto odio cultural, a conexión coa terra e a defensa do entorno natural.

A súa carreira musical comezou aos quince anos en bandas de punk rock, fusionando así as súas paixóns pola música e a escrita. En 2016, lanza o seu primeiro EP “Searching for the Recipe” con Nuh Face Records, que fusiona oito estilos musicais xamaiquinos.

Coa banda Elephants e Paw, lanzou os sinxelos ‘Exame’ e ‘My Temples’, e en 2021 publicaron “Novas Herbas”, o seu primeiro EP, matizando o seu sonido con “Dubs”. Ademais, colaborou con outros artistas e bandas como Manu Chao, Wöyza e Women Soldier, editando varios traballos e explorando diversos formatos, dende vinilos clásicos ata o dixital.

High Paw, levou a súa música a diversos festivais tanto en España como no estranxeiro, incluíndo o Festival Txapel Reggae, Festival Reggaeboa, e presentacións en México e Europa. Recibiu o recoñecemento dos Premios Martín Códax da Música na categoría Reggae, Ska e Mestizaxe en 2021.

En 2023, publicou o EP “Steven Meyor”, mostrando un son máis electrónico con influencias de R&B dos anos 90. Este traballo marca unha vontade de fusión que se reflicte na súa posta en escena, con elementos de danza contemporánea e dancehall.

0.17027187347412