Hospitaleros Sin Fronteras inicia en Senegal a súa primeira viaxe solidaria do ano

O primeiro grupo de colaboradores da ONG sarriá Hospitaleros Sin Fronteras xa se atopa en Senegal, onde comeza a viaxe solidaria prevista para este ano marcada pola ilusión, o compromiso e unha importante carga de axuda humanitaria. Dende o momento da chegada, os voluntarios destacan a calorosa acollida da poboación local, unha mostra da coñecida teranga senegalesa que se vive, se sente e se comparte dende o primeiro instante.
Ao longo desta viaxe desprazaranse a Senegal un total de 45 voluntarios procedentes de distintos puntos de España como Zaragoza, Murcia ou Barcelona, organizados en tres grupos. O seu traballo céntrase en completar e poñer en funcionamento as instalacións do centro de acollida para nenos talibé que a ONG construíu en Malicounda. No último desprazamento xa se encargaran de amoblar unha das estancias e de executar a instalación de auga e duchas, mentres que nesta ocasión o obxectivo principal é activar unha cociña, un comedor e unha aula obradoiro.
Ademais, os colaboradores traballarán na adecuación dunha daara na que residen nenos e iniciarán accións noutra máis, co propósito de escolarizar ao maior número posible de menores. A expedición leva consigo unha gran cantidade de material escolar, medicamentos e roupa, co fin de cubrir necesidades básicas e apoiar o desenvolvemento educativo e sanitario.
Dentro deste proxecto, Hospitaleros Sun Fronteras tamén porá en marcha un curso de soldadura na aula obradoiro do seu centro, concebida como un espazo multifunción no que se impartirán igualmente clases de español e francés. A iniciativa busca ofrecer formación práctica e oportunidades de futuro aos nenos e mozos da zona, reforzando así o carácter educativo e social da misión solidaria da ONG en Senegal.