Impulsan un novo tributo ás mulleres galegas no Camiño con dous murais de Lula Goce

O Concello de Sarria homenaxea ás mulleres galegas no Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio con pinturas en dous hórreos das aldeas de Vilei e Barbadelo. Da man da artista baionesa Lula Goce, recoñecida polas súas intervencións que mesturan identidade, paisaxe e simbolismo feminino, estes hórreos locen novas cores e vitalidade.
Os murais representan tres figuras femininas que evocan forza, tradición e vínculo coa terra. Nun dos murais aparece unha muller debullando millo; noutro, unha figura traballa cun anciño; e a terceira imaxe amosa unha artesá modelando arxila. Xuntas conforman un tributo visual ás raíces galegas, á memoria colectiva e ao papel esencial que as mulleres tiveron e teñen na construción da vida comunitaria.
Estas intervencións fixéronse posibles grazas ao compromiso municipal a través dun convenio específico dirixido á mellora paisaxística e á promoción do Camiño Francés, un acordo subscrito polo Concello de Sarria, Turismo de Galicia e a Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés.
O goberno local destacou que esta iniciativa contribúe a reforzar a identidade cultural da ruta, ao tempo que pon en valor a presenza das mulleres ao longo da historia do camiño xacobeo.