Impulsan a primeira edición en galego do Tombo do Mosteiro de Samos

O Concello de Samos deu un paso histórico coa posta en marcha da edición do Tombo do Mosteiro, considerado o documento máis importante da historia da comarca e un dos máis relevantes do reino de Galicia. Este traballo, datado no século XIII, consérvase como unha auténtica xoia no arquivo da Universidade de Santiago e verá agora a súa primeira edición íntegra en galego.
O volume, monumental, con 650 páxinas, marca un antes e un despois para a historia de Sarria, e para garantir a máxima calidade e unha adecuada difusión, confiouse a edición a un dos mellores historiadores galegos, Xaime Félix Arlindo López Arias, responsable da traducción, estudo e estructuración do libro, xunto coa labor da editorial e a colaboración da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Desde o Concello subliñan que a iniciativa reflicte a aposta clara pola cultura, un proxecto entre os máis significativos que o goberno local levou adiante nos últimos dous anos e que non será o último. “Tiñamos a fortuna de traballar con Arlindo, coñecedor do valor do Tombo de Samos, capaz de aportar información sobre historia, toponimia e curiosidades”, destacan.
Este libro de gran formato, exquisitamente editado, ofrecerá contidos rigorosos para historiadores e á vez accesibles para o público en xeral. A cultura segue a ser unha prioridade para Samos, onde se considera que a preservación e promoción das institucións culturais son claves para unha sociedade e economía prósperas, como sinala o recente premio Nobel de economía.