Inaugurada a exposición De Amor e de Amigo en Paradela

SarriaXa
A exposición De Amor e de Amigo, as cantigas de Martín de Padrozelos, inaugurouse o venres, día 4, no Centro Manuel Oreste Rodríguez.
jose mato paradela
5 Jun 2021

A exposición De Amor e de Amigo, as cantigas de Martín de Padrozelos, inaugurouse no día de onte, venres día 4, no Centro Sociocultural Manuel Oreste Rodríguez López de Paradela, onde estará aberta ao público, en horario de 16 a 21 horas e de luns a venres, ata o 15 deste mesmo mes de xuño. Para poder visitala noutros horarios, os interesados deberán concertar visita no teléfono 982 54 11 01.

No acto inaugural participaron o alcalde Paradela, José Manuel Mato; a Comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira; a delegada territorial de Cultura de Lugo, María Xosé Gómez; o concelleiro de Paradela, Adrián Fernández; o presidente e o secretario da Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA), Xosé María García Palmeiro e José M. Salgado, respectivamente.

A exposición, comisariada polo xornalista e escritor, Luís Celeiro, está constituída por 12 paneis de 120x90 Cm. No primeiro dos paneis, a modo de ficha técnica, indícase quen son os organizadores da mostra, e proporciónanse datos referidos á mesma, mentres que outros dez están dedicados ás dez cantigas que se conservan deste autor medieval. Nove son cantigas de Amigo e unha é de Amor.  O último dos paneis recolle un mapa no que se relacionan os lugares por onde os expertos din que se movía o trobador e aqueles que el cita nas cantigas, pertencentes aos concellos de Samos e O Incio.

 

0.14214205741882