Inaugurada a exposición de Martín de Padrozelos en Láncara

SarriaXa
A exposición de Martín de Padrozelos, inaugurouse no día de onte, no Polifuncional do Campo da Feira da Pobra de San Xiao.
exposicion martin padrozelos
23 May 2021

A exposición De Amor e de Amigo, as cantigas de Martín de Padrozelos, inaugurouse onte, sábado día 22, no Polifuncional do Campo da Feira da Pobra de San Xiao (Láncara), onde estará aberta ao público, en horario de 11 a 14 horas e de luns a venres, ata o 3 do vindeiro mes de xuño (noutros horarios, os interesados deberán concertar visita no teléfono: 982 54 30 77).

No acto inaugural participaron o alcalde de Láncara, Darío Piñeiro; o presidente da entidade organizadora, a Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA), Xosé María García Palmeiro; o delegado territorial de Lugo da consellería da Presidencia, Gerardo Criado Guizán; o secretario de APECSA, Xosé Salgado; os concelleiros de Láncara, Miguel Rodríguez Abad, Santiago Cubillas e Óscar Martínez, xunto co comisario da Exposición, o xornalista Luís Celeiro.

Os relatores destacaron a importancia cultural e histórica desta Exposición, referíndose ao trobador como un dos primeiros da lírica galega e recordaron tamén a personalidades do mundo da cultura naturais de Láncara, como outro dos trobadores, Pere de Armea, do século XIII, e o galeguista Ramón Piñeiro, que naceu neste concello o 31 de maio de 1915 (fino o 27 de agosto de 1990).

A exposición está constituída por 12 paneis de 120x90 Cm. No primeiro dos paneis, a modo de ficha técnica, indícase quen son os organizadores da mostra, e proporciónanse datos referidos á mesma, mentres que outros dez están dedicados ás dez cantigas que se conservan deste autor medieval. Nove son cantigas de Amigo e unha é de Amor.  O último dos paneis recolle un mapa no que se relacionan os lugares por onde os expertos din que se movía o trobador e aqueles que el cita nas cantigas, pertencentes aos concellos de Samos e O Incio.

APECSA desenvolveu, en 2019, un importante proxecto relacionado con este trobador, “Andares pola lírica de Martín de Padrozelos”, promovido e coordinado tamén por Celeiro e no que se musicaron as dez cantigas, coas que A Quenlla gravou un CD, “Trobador no Camiño” e a través do que se realizou un documental que pon de manifesto a valía literaria das cantigas de Martín e da literatura trobadoresca.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19772100448608