Inaugúrase o novo parque infantil do colexio de Samos, cun deseño accesible e inclusivo

SarriaXa
A actuación contou cun custo aproximado de 15.000 euros e levouse a cabo grazas a un convenio asinando entre o Concello e a área de Xuventude da Deputación de Lugo
novos-xogos-do-patio-CEIP-Samos
11 Jan 2025

Durante as vacacións de Nadal, rematouse o novo parque infantil do colexio de Samos, cumprindo cun deseño accesible e inclusivo para garantir que todos os nenos, independentemente das súas capacidades, poidan gozar das súas instalacións.

Esta iniciativa foi impulsada pola ANPA CEIP Samos, o Concello de Samos e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, co obxectivo de seguir contribuíndo á mellora das instalacións do centro educativo.

O colexio xa tiña un tobogán, un bambán e un areneiro para os máis pequenos, e coa renovación destes xiros, instaláronse novos equipos pensados para ser inclusivos.

Entre as novidades destacan dous paneis de xogos interactivos e un bambán con capacidade para dous nenos, que permite que os máis pequenos, incluso os que non teñen control postural, poidan gozar da actividade de forma segura. Ademais, incorpórase un balancín con respaldo para que tamén os nenos con dificultades motoras poidan participar.

Ademais dos xogos, os traballos incluíron a explanación dos terreos, realizados con recursos do propio Concello, e a instalación dun pavimento de caucho para garantir a seguridade dos usuarios.

A actuación contou cun custo aproximado de 15.000 euros e levouse a cabo grazas a un convenio asinando entre o Concello e a área de Xuventude da Deputación de Lugo, contando coa colaboración activa tanto do centro como da ANPA, que participaron na planificación tendo en conta as necesidades do alumnado.

 

0.14959216117859