O incremento do PIB nun 11,6 % e o protagonismo do sector servizos definen a situación económica da provincia

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López Vázquez, presentaron este xoves no Pazo de San Marcos 'Lugo en Cifras 2023' O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López Vázquez, presentaron este xoves no Pazo de San Marcos Lugo en Cifras 2023, un estudo elaborado por cuarto ano consecutivo pola organización empresarial grazas á colaboración da institución provincial, e que recompila os datos demográficos, sociolaborais e económicos máis significativos da provincia e dos 67 municipios que a conforman.
28 Dec 2023

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López Vázquez, presentaron este xoves no Pazo de San Marcos 'Lugo en Cifras 2023'

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López Vázquez, presentaron este xoves no Pazo de San Marcos Lugo en Cifras 2023, un estudo elaborado por cuarto ano consecutivo pola organización empresarial grazas á colaboración da institución provincial, e que recompila os datos demográficos, sociolaborais e económicos máis significativos da provincia e dos 67 municipios que a conforman.

Destacou José Tomé que a institución provincial axudou a recuperar no ano 2020 esta publicación, que xa vai camiño de consolidarse. Valorou o Lugo en Cifras como “unha fotografía fiel e rigorosa, que retrata con exactitude o que somos, amosando aquelo do que debemos sentirnos orgullosos e no que debemos mellorar. Cifras nas que basear reclamacións xustas de investimentos ante outras administracións, e cifras sobre as que asentar modelos deprogreso cara o futuro”.

A publicación constata “o potencial da economía da nosa provincia, como reflicten os últimos datos referidos a turismo, a actividade económica ou a empresas en activo”, sinalou o mandatario provincial. Desta forma, concretou, en xaneiro do 2022 a provincia xa tiña creadas un cento de empresas máis que no mesmo mes do 2021, ata superar as 24.100 activas nos 67 concellos. Tamén remarcou o Presidente que os últimos datos dispoñibles apuntan ao incremento do Produto Interior Bruto na provincia nun 11 %, chegando así ata os 6.862 millóns de euros, o que representa o 12 % do PIB total de Galicia.

A publicación Lugo en Cifras 2023 ofrece unha radiografía anual e exhaustiva da situación socioeconómica da provincia, incluíndo as consecuencias da irrupción da pandemia da Covid-19, xa reflectidas nos datos estatísticos definitivos dos diferentes organismos oficiais, así como o efecto rebote sucedido a continuación no pasado 2022.

Mantense o proceso evolutivo

En palabras de Jaime López, “somos unha gran despensa para España, pero fáltanos unha industria tractora para poder poñernos ao ritmo do crecemento económico doutras provincias do eixo atlántico”. Explicou o secretario da CEL que aínda que hai datos positivos, como pode ser no eido turístico, “cada vez somos máis coñecidos”. Sinalou que en termos xerais “o proceso evolutivo continúa sen moita variación”. Ademais, destacou a importancia de que Lugo teña unha Cámara de Comercio que funcione ao 100 % e agradeceu o compromiso da institución provincial para a consecución dese obxectivo.

“O sector empresarial lucense pode sentirse moi afortunado de ter ao fronte dunha institución como a Deputación de Lugo a unha persoa que cre absolutamente que a mellora económica e social da provincia ten que ser co incentivo da iniciativa privada”, valorou. No ámbito económico, o PIB da provincia de Lugo creceu un 11,6 % segundo os datos provisionais, con cifras de 6.862 millóns de euros, o que supón case o 12 % do PIB de Galicia.

O sector da economía que máis actividade económica xera son os servizos, seguido do sector primario, a industria e a construción. E no que respecta á inflación, no 2022 vese reflectido un continuísmo máis moderado que no exercicio anterior. A tendencia do IPC foi “notablemente crecente”, impulsada sobre todo polo aumento do prezo de produtos enerxéticos e carburantes.

Protagonismo do sector servizos

A nivel laboral, a maioría dos máis de 137.000 traballadores que exercen na provincia de Lugo dedícanse, por tanto, ao sector servizos (69,16 %), que a pesar do descenso relativo anotado no ano 2020, foi incrementando progresivamente a súa importancia co paso dos anos. Séguelle a agricultura (13,53 %), industria (10,91%) e construción (6,47 %). Asemade, a taxa de paro no 2º trimestre de 2023 situouse no 8,15 %, mentres que era do 9,58 % en Galicia.

Destacan dende a CEL que pasada a pandemia, no ano 2021 comeza unha “recuperación” de empresas con sede social na provincia, que pasan de 24.000 nese ano a 24.109 en xaneiro do 2022. Un gran número delas son microempresas sen asalariados ou pemes con entre 1 e 9 empregados. Preto do 80,3 % delas ten conexión a internet, unha cifra que aumenta a un 98 % para as empresas de máis de 10 empregados.

Entre as empresas máis pequenas, só o 31 % ten páxina web, fronte ao 79 % das que teñen máis de 10. Lugo en Cifras 2023 subliña ademais que no ano 2022 a provincia exportou en torno aos 755 millóns de euros e importou máis de 782 millóns de euros, o que deixaba unha balanza comercial negativa co exterior por valor de preto de 27 millóns de euros. “O ano 2022 recuperou a alza do número de exportacións”, aseguran desde a CEL, “pero aínda supón una balanza negativa”. Apuntan tamén que a gran maioría deste intercambio comercial cos mercados internacionais prodúcese coa Unión Europea.

Outros datos que destacan na publicación deste ano son que continúa aumentando o peso da agricultura ecolóxica na provincia, que segue sendo a que máis superficie destina a este tipo de cultivos (o 51,25 % do total de Galicia), a que ten maior número de operadores (35,66% dos produtores e o 21,61 % do total de comercializadores), e tamén a que máis ventas xera ao ano (30,15 % do total).

Modernización das PEMES

A pesar destes datos, Lugo é menos eficiente que as outras 3 provincias. “O Lugo en Cifras tamén recolle algúns datos que coinciden coas liñas de traballo que impulsamos a Deputación e a CEL”, valorou. Puxo como exemplo a necesidade de seguir apoiando a modernización das pequenas e medianas empresas, “porque o 80 % das que teñen máis de 10 empregados contan con páxina web, pero esa porcentaxe cae a só o 30 % no caso das máis pequenas”.

Nese sentido, o presidente apuntou que “facilitar ás PEMES formación e axudas para a dixitalización, para estar presentes no mercado global ou para incorporar medios de márketing dixital e accións semellantes, segue a ser un obxectivo fundamental para asentar a boa marcha do noso tecido produtivo”.

Tamén comentou que as cifras deste estudo “danlle a razón a algunha das nosas reclamacións recentes” e puxo como exemplo que Lugo é a provincia galega que dedica máis superficie á agricultura ecolóxica -máis do 50 % do total galego-, e lidera en produtores e ventas. En cambio, está por detrás das outras tres provincias galegas en rendemento por superficie.

Para mellorar ese dato, subliñou, “temos que seguir apostando pola formación e pola investigación. Por iso, é tan importante manter e reforzar a oferta educativa do noso Campus Terra, como defendemos na Deputación de Lugo, porque é fundamental para a modernización do sector primario e, polo tanto, para a súa competitividade”.

0.14638113975525