Iníciase o trámite de información pública e avaliación ambiental do último tramo da nova autovía AG-22 de Nadela a Sarria
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou o compromiso do Goberno galego coa vertebración interior de Galicia e coa mellora das infraestruturas e da mobilidade na comunidade.
Así o manifestou coincidindo co inicio do trámite de información pública e avaliación ambiental do segundo e último tramo da nova autovía AG-22 (Nadela-Sarria), o comprendido entre A Pobra de San Xiao e Nadela, o cal suporá un investimento de 35 millóns de euros.
O mandatario galego visitou a contorna dos 13,5 quilómetros que unirán ambos lugares, acompañado da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue. Na súa intervención, o presidente da Xunta resaltou as vantaxes que suporá este treito grazas ao desdobramento do corredor Nadela-Sarria ao seu paso polos concellos de Lugo, O Corgo e O Páramo. “O sur da provincia de Lugo vai quedar conectado coa súa capital e a partir de aí con outras vías de alta capacidade”, resaltou.
Este novo paso para converter esta estrada nunha vía de alta capacidade permitirá acurtar o tempo de viaxe e adiantar sen risco, debido a que contará con dúas calzadas con dous carrís cada unha. Neste sentido, espérase que arredor de 100.000 usuarios se beneficien deste viario que estará limitado a 120 km/h, ademais dos transportistas que a utilicen para as súas viaxes de traballo.
Unha vez se complete a totalidade do itinerario os tráficos entre Ourense e Lugo, así como os das comarcas de Valdeorras e Ribeira Sacra coa capital de provincia reducirán os seus tempos e mellorarán a seguridade viaria, ao mesmo tempo que tamén se permitirán intercambios en tempos reducidos entre os Camiños Primitivo, Francés e de Inverno.
Tal e como explicou o presidente, a previsión é "rematar o 2025 coas obras licitadas e se é posible tamén adxudicadas para poder comezalas en 2026".
O avance na conversión en autovía do corredor Nadela-Sarria forma parte do compromiso adquirido coa veciñanza da comarca e tamén dos establecidos para os 100 primeiros días de goberno da Xunta. Con este novo paso dáse continuidade ao primeiro treito comprendido Nadela e Sarria Centro que leva operativo dende finais de novembro do 2022 e que supuxo “unha mellora” na mobilidade da zona.
A aposta do Goberno galego polas infraestruturas viarias é firme; de feito, nos últimos anos incrementouse en máis dun 70% a extensión da rede de vías de alta capacidade de titularidade autonómica, coa posta en marcha de 50 novos quilómetros sen peaxe só na provincia de Lugo. Así, a día de hoxe máis do 80 % da poboación galega atópase a menos de 15 minutos dunha vía de altas prestacións.
RESPOSTA DO PSOE
A secretaria de Organización Provincial do PSdeG na provincia de Lugo, Pilar García Porto, pediulle ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, “máis traballo e menos fotos electoralistas para avanzar dunha vez por todas coas obras de desdobramento do corredor Nadela-Monforte, que é o que precisamos os veciños e veciñas desta provincia”.
García Porto fixo estas declaracións logo de que Rueda estivese no Páramo “anunciando con bombo e platillo que o proxecto do desdobramento do treito Nadela-A Pobra de San Xiao sae a información pública, cando levan anos e anos de atrasos con esta obra, non é precisamente para sacar peito, senón que debería darlles vergonza”.
“É urxente que se poñan a traballar para completar esta importante arteria de comunicación por estrada dun xeito serio e rigoroso e se deixen de enganar á veciñanza, porque o máis probable é que non vexamos inaugurado este treito de 16 quilómetros ata, polo menos, o 2026”.
Nas súas palabras, a socialista explica que “estamos falando de conectar o centro da provincia co sur, unha comarca moi poboada e que turisticamente é moi atractiva, o que fai que sexan precisas unhas boas comunicacións que agora non temos”.
“O que debería facer a Xunta de Galicia é redactar un proxecto global para executar o desdobramento dos quilómetros que faltan para completar o corredor, un total de 54”, lembrou. “Ata o de agora o único que vimos foi unha política da Xunta de executar a pedazos pequenos e iso non serve, porque temos que facer unha análise máis global da situación. Estamos falando dunha estrada que soporta un alto volume de tráfico, tanto de transporte de mercadorías como de turismo”.
Lembrou que se trata dunha demanda social, que foi referendada no Pleno da Deputación por unanimidade no mes de marzo e tamén con varios acordos taménunánimes no Parlamento de Galicia, pero “que vén atopando atrancos e atrasos cos que a Xunta de Galicia está desenvolvendo este proxecto”.
García Porto lembrou que a primeira licitación, a do treito A Pobra de San Xiao- Sarria, non se realizou ata o ano 2017, quedando inaugurado cinco anos despois. Explicou que foi no 2022 cando se licitou o seguinte tramo, Nadela-A Pobra de San Xiao, “16 quilómetros que a Xunta non ten previsto inaugurar, polo menos, ata 2026”.
Ademais, foi clara ao reivindicar un proxecto que camiñe cara vertebrar a provincia de Lugo e incidiu en que é “urxente para reducir máis axeitada parara reducir o número de accidentes que se producen, pois a vía ten carencias de seguridade que se poderían solucionar co desdobramento da estrada”. “Entendemos que só apostando pola mobilidade, os servizos públicos e a economía poderemos acadar un desenvolvemento sostible que garanta as oportunidades no rural e un equilibrio territorial”, afirmou Pilar García Porto.