Iníciase unha campaña de concienciación para os propietarios de mascotas en Sarria
Sarria acolle unha campaña informativa e de sensibilización para os propietarios de cans sobre a obrigatoriedade de identificación das súas mascotas cun microchip e da recollida dos excrementos cando os pasean pola vía ou espazos públicos.
O concelleiro de Medio Ambiente, Pedro López Quiroga, salienta que a finalidade desta iniciativa é "promover hábitos cívicos e responsables entre os propietarios das mascotas, fundamentalmente para evitar que os transeúntes atopen excrementos nas beirarrúas".
Por iso, avanza que a campaña da Policía Local terá "unha fase inicial explicativa e de control” e advirte de que “máis adiante poderanse impoñer saccións aos infractores de acordo co establecido na Ordenanza Municipal de Medio Ambiente".
Que di a ordenanza Municipal de Medio Ambiente?
O concelleiro lembrou que esta norma municipal establece que as persoas que paseen cans polas vías e espazos públicos, ademais de levalos atados e, dependendo da perigosidade potencial do animal, con bozo, deberán levar obrigatoriamente unhas bolsas para a recollida e limpeza dos excrementos.
A ordenanza tamén sinala que, no caso de que as dexeccións queden depositadas nas beirarrúas ou noutras zonas destinadas ao tránsito peonil, a persoa que conduza o animal deberá proceder á súa limpeza inmediata e, debidamente empaquetada, depositala en papeleiras ou contedores de lixo.
En canto ás sancións que determina a citada ordenanza, o feito de non levar bolsas para a recollida dos excrementos dos cans está considerado unha infracción leve, que podería sancionarse cunha multa de 100 euros; o feito de non proceder á limpeza dos excrementos dos cans está tipificado como unha sanción grave, que se sancionará cunha multa de 200 euros; e a reincidencia en dúas faltas graves será considerada unha falta moi grave, pola que se poderán impoñer sancións de 300 euros.